As primarias socialistas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A recente experiencia de eleccións primarias para determinar candidato á Xunta de Galicia por parte do PSdeG-PSOE, nas que saíu quen inicialmente non semellaba ser o favorito, Xoaquín Leiceaga, ben merece unha reflexión. Non polo que poida acontecer no partido, que se cadra tamén, dada a súa significación na vida política galega, senón polo que ten de síntoma xeral. Case que contra todo prognóstico e dende logo contra a candidatura de quen era o portavoz parlamentario da organización, Méndez Romeu, o cal recibiu practicamente todas adhesións do que poderiamos denominar o aparato dominante: alcaldes e persoeiros significados, algúns en activo, outros non, mais con vistosos currículos todos eles e importante presenza nos medios de comunicación, contra todo prognóstico, repito, as bases do partido déronlle unha volta ao que parecía cantado.

Pódense facer moitas interpretacións. Eu creo que o que se produciu foi a reacción da militancia, unha militancia insatisfeita que decidiu voltear o modelo, na procura dunha nova oportunidade, unha oportunidade distinta que contemple a renovación radical da organización. Certo que, como advirte Sánchez Bugallo, ser proclamado candidato á presidencia da Xunta non significa controlar o partido, nin sequera dispoñer dos mecanismos necesarios para iniciar ese proceso, mais sería un erro pensar que a militancia pretende deixar as cousas como están. O que venceu nas primarias non foi a candidatura ao goberno da Xunta. O que proclamou a militancia foi a necesidade dunha mudanza substancial na política e mesmo nas persoas chamadas a dirixir nos próximos tempos o socialismo galego.

Unha reacción das bases, en definitiva: que é o que está sucedendo no conxunto da política española e nalgúns casos na política occidental. En gran medida é o que hai algúns anos empezou a manifestarse nos movementos sociais do 15 M, e o que explica os resultados das eleccións europeas en España, por exemplo, a ascensión de novas organizacións (as chamadas organizacións emerxentes), o protagonismo das Mareas, Podemos, mesmo Cidadáns dende a dereita. Reaccións contra os aparatos tradicionais que durante as últimas décadas viñeron protagonizando a vida política, e instalándose nela como aparatos case que inamovibles, algo que as bases sociais (o electorado, a militancia) queren modificar. Un novo tempo que esixe novos xeitos, novas propostas, novos protagonistas.

Non é un fenómeno exclusivo de Galicia. Estase a dar en España e en Europa, incluso noutras áreas da cultura occidental (nos Estados Unidos de América): reaccións que ás veces se manifestan a través do voto e outras veces, cada vez máis, na rebeldía social, na acción directa, non sempre controlada. ¿Serán capaces as organización establecidas de renovar os seus aparatos, candidatos e discursos, mesmo as súas estratexias de comunicación co corpo social, como para dar unha resposta renovada a esta nova realidade? Velaquí a verdadeira cuestión de fondo. Neste contexto, as primarias socialistas non son máis ca unha anécdota.