A nai de Messi


Unha terá vinte e cinco anos. A outra é unha desas mulleronas xitanas que exhiben con fachenda a súa beleza. Non é moito máis vella. Trinta quizais. Derredor, corrican unha chea de rapaces, pero entre eles hai un, pequeno e desgairado, que é un xenio do balón. Miro para el facendo virguerías cunha pelota colectivizada. Elas andan ao seu, falando. «Tes que traballar en algo», di a máis vella, «pero non nunha whiskería». (Vostedes tamén porían a orella ao oír iso). «Díxome que era para ser camareira». «Veña...». «Quen me vai dar traballo a min?». O neno da pelota achégase. «Mamá, teño sede». Dándolle unha labazada na caluga, espétalle: «Pensas que son unha fonte?», e o neno, ao que parece importarlle todo un pito, lisca, cruza a rúa sen mirar e métese no bar de enfronte. Ela segue matinando nos seus infortunios.

Imaxínolle unha vida de nena arrincada da escola arredor dos doce anos. Algún familiar no cárcere. Un marido que lle bate. Debe de notarmo, porque de súpeto téñoa diante dicíndome agresiva, «Que?». «Nada», disimulo, «que o teu neno xoga moi ben ao fútbol». Séntaseme ao lado. «A ver se nos saca de pobres!», e sorrí, «Ai! A pelota é túa! Será ladrón o cabrón!». «A pelota no parque é de todos». Póñome co móbil coma se estivese escribíndolle a alguén. Ela continúa co que estaba. «Se lle sabe meu pai o da whiskería, mátao!». A outra asente, alisa a saia negra. Envéxolle a elegancia coa que move as mans. «Xa che dixen que non era boa idea casar cun paio». Calan as dúas e sinto as súas miradas inquisitivas. Sorríolles, pero o corpo pídeme pedirlles perdón. «Sodes o peor», dime a nai de Messi. E, dando un repaso rápido á actualidade, creo que non lle falta razón.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos

A nai de Messi