A galeguidade rotunda de Camilo José Cela

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro EL EQUILIBRISTA

OPINIÓN

30 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non serei eu quen sitúe nin inclúa a obra de Cela no territorio empírico da literatura galega. Obviamente, a súa obra pertence ao ámbito da literatura española ou castelá. Porén, e con maior fervor neste centenario do noso Nobel, reitérome en citalo con vehemencia como un dos maiores referentes universais da cultura galega. Probablemente, con Rosalía, o principal. Desculpen a miña heterodoxia. E admitamos que calquera discrepancia coa doutrina cultural galega, nacionalista e de esquerdas, significa a laminación como escritor. Velaquí o modo de actuar dunha parte da nosa intelectualidade: o discrepante co dogma politicamente correcto será expulsado do sistema literario. Así de sectario e intolerante e absurdo é este mundo cultural que transitamos. Sigo. Cela é galego; a súa obra, excelsa e ilustre, está enraizada no humus cultural galego; a súa vida é un acopio de amor e amores a Galicia. Intentarei argumentar o meu criterio.Cela marchou a Madrid, por mor de esixencias profesionais paternas, con nove anos. Aínda así, platicaba en galego con solvencia e as súas memorias de infancia, co título de La Rosa, son unha lírica salmodia de elevación de Galicia. Nunca deixou de presumir de galego. Conta Alfredo Conde, que acompañou a Cela a Estocolmo á entrega do seu Nobel, que na intimidade proclamou: «Para un de Padrón non está nada mal». De alí é fillo predilecto e alí, cando lle entregaron tal distinción, afirmou que Rosalía de Castro era «a máis grande poeta de todas as Españas do século XIX». Foi amigo dos amigos e na súa revista Papeles de Son Armadans, que dirixiu entre 1956 e 1979, colaboraron máis de vinte escritores galegos. Entre eles algúns tan destacados, e de ideoloxías diversas, como Novoneyra, Celso Emillio Ferreiro, Paco del Riego ou Neira Vilas. Todo o que proviña de Galicia contaba co apoio de Cela. E quería que a súa obra fose parte intrínseca de Nós. Por iso solicita a Vicente Risco que traduza La familia de Pascual Duarte e a Otero Pedrayo que a prologue. Cando lle envían o primeiro exemplar, Cela escribe a Del Riego, que participara de modo moi activo na edición da obra: «Cada día que pasa me siento más deudor con Galicia y con todo lo que Galicia vale y representa». Cita constantemente a autores galegos, que aparecen tamén en parte da súa obra, e non deixa de vivir espiritualmente en Galicia. Para argumentar tal aserto, abonda con ler a súa obra dispersa, prologada pola profesora Olivia Rodríguez e publicada primorosamente por Alvarellos Editora co título Retorno a Iria Flavia. Estas consideracións serían menores se a obra de Cela non estivese impregnada por Galicia na súa semántica profunda, tamén no logos expresivo. Creo que dúas das súas novelas son as máis sobresalientes que se teñen escrito (en calquera lingua) con temática galega ao fondo: Mazurca para dos muertos e Madera de boj. Unha avanza pola Galicia interior, que ten en Ourense a súa cerna, a outra na Costa da Morte e o mar. A súa prosa, como a de Valle ou Torrente, bebe en Galicia. A súa galeguidade é rotunda. Perenne e non circunstancial. Universal e fértil. Cela é Galicia.