Unha mala noticia

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

29 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos Estados Unidos descubriuse unha bacteria inmune aos antibióticos, a todos. Din que o mal uso destes medicamentos, o abandono do tratamento, as doses inadecuadas, unido ao abuso, á utilización para casos que non eran necesarios, provocou a aparición de bacterias resistentes a moitos antibióticos. Pero o de agora é máis grave porque a nova bacteria é inmune a todos os coñecidos. O director dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades de Estados Unidos, Thomas Frieden, non ocultou a súa preocupación e o perigo que supón esta nova bacteria: «Corremos o risco -dixo- de estar nun mundo no que non serven os antibióticos». Noutras palabras, podemos estar indo cara atrás, cara a un mundo no que Fleming aínda non realizara o descubrimento que salvou millóns de vidas, aqueles tempos nos que a tuberculose levaba familias enteiras ao cemiterio. O perigo de contaxio é grande e a posibilidade dunha pandemia perfílase como un perigo real. Pero non sexamos agoreiros: «Hoy las ciencias adelantan que es una barbaridad», cantaban en La Verbena de la Paloma os nosos antepasados, que morrían como chinches. Confiemos en que a ciencia médica actual consiga atopar a kriptonita que destrúa os poderes desta superbacteria.