Da vida exuberante que hai na lingua

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Celso Emilio que falaba galego porque si, porque lle petaba, porque quería, porque lle daba a gana. Tratábase diso, e, por dicilo así de claro, eses versos son a defensa da lingua máis famosa de Galicia. Para el a cousa era simple. Despois, por suposto, viñan as connotacións, a loita, a defensa da cultura, o amor polas tradicións, a identidade, a conciencia de clase e unha chea de ideais aparellados a esa lingua galega que, en fin, saía porque si, coma un manancial puro que abrolla pola boca para dar vida. Velaí a fermosura, e mais a outra vida que xurdiu desta, coma nun invernadoiro cargado de abonos, luz e insecticidas inventados pola vontade libre dos galegos: as editoriais, os novelistas de éxito, o galego no ensino, os neofalantes, a Lei de Normalización Lingüística, a santificación do Día das Letras. Hoxe non é día de falar das contas pendentes, senón do verdor exuberante que medrou tropicalmente porque o galego, de súpeto, agromou libertario de dentro de moitos que o tiñan agachado. Deulles a gana. Claro que si.

É unha lección contra os pesimistas. Se a moitos lles petou rescatar o galego daquela, ¿por que deixarmos hoxe que este burato lento polo que pinga a vida da lingua galega sexa irreversíbel? Non. Somos exército quen non nos conformamos. Mentres nazan nenos aos que cantar arrolos imposíbeis de traducir, mentres abonemos os regos nos que nace a lingua coa que hoxe poidamos contar que somos libres e orgullosos de nós, haberá alguén a quen lle pete falar galego. Porque si. ¿Por que non?