«Las letras gallegas»

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A lingua é instrumento de comunicación entre as persoas. Non pode ser unha vía de enfrontamento político, non debeu converterse nun instrumento da confrontación ideolóxica. Non pode pero é, non debeu ser pero foi. O asunto é vello e tivo que ver coa construción das nacións-Estado durante tres séculos. Hoxe que a maioría dos cantantes de Eurovisión usan o inglés, xa podemos ir reparando en que o conto mudou. Tampouco tanto, porque o conflito lingüístico ten que ver coa defensa de culturas, de identidades, de formas de pensar e sentir, coa vontade de seguir vivindo como se naceu e cun empeño ben forte: o de non deixar de ser como cando eramos nenos cos nosos pais e nais.

A relación entre lingua, política e poder é tan importante que hai unha rama do coñecemento denominada glotopolítica -da que é especialista o amigo José del Valle- que o estuda. Pemán e Maeztu traballaron e escribiron na ditadura de Primo de Rivera para identificar ao cidadán-soldado coa fala castelá, cando quixeron construír unha nación sen as complexidades do pasado, pola vía rápida do paso lixeiro militar.

Hai medio século, Pemán era un vello poeta gaditano que puxo letra á Marcha real e presidiu por méritos políticos a Real Academia. O franquismo complicou esta trécola do conflito lingüístico porque corenta anos dan para moito, pero nin con esas a ditadura deu liquidado os outros idiomas. As tres culturas non castelás e as súas linguas convertéronse daquela en instrumento de loita polo que tiñan de expresión de liberdade. A democracia naceu plurilingüe e o franquismo como réxime pasou, por moito que a súa socioloxía nos siga dando algunha sorpresa como proba de vida. Sorpresa foi ver á lingua en campaña electoral no 2009, cando nunha lóxica típica da morte da transición alguén reparou en que o idioma podía dar uns votiños necesarios e converteu a lingua en espazo de confrontación política en Galicia.

O uso do galego como instrumento de combate político foi un erro tamén por parte dalgúns que quedaron ancorados na loita antifranquista. A identificación do galego cun partido e o empeño en situar aos demais contra o galego levou co paso do tempo e das xeracións a que se volvese en contra. Ese tempo é este, cando podemos reparar nos fracasos e urxir as necesidades que alentaron a Manuel María e antes a quen hai 100 anos fundaron as Irmandades, precisamente, da Fala. Pero o presente non é o pasado e por iso en vez de pelexarnos con vellas pantasmas urxe entender o fracaso da normalización lingüística para alén de fixar os topónimos e de lograr a non animadversión cara ao galego progresivamente convertida en indiferenza. Superar a indiferenza a prol do interese por vivir en galego é o reto; a razón non poderá ser partidaria pero seguirá a ser romántica e identitaria; será cada vez menos inconsciente pero máis cultural e política.