PSdeG: volver ao pasado ou gañar o futuro

OPINIÓN

11 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As recentes eleccións xerais do 20D amosaron en Galicia un escenario preocupante para os socialistas. Como xa ocurrira nas autonómicas de 1997, o PSdeG-PSOE convertíase en terceira forza política de Galicia e as Mareas nos superaban en cada unha das sete cidades galegas, chegando a ser primeira forza política en Vigo, a gran distancia dos socialistas. As causas desta situación teñen que ver con factores compartidos no conxunto do Estado, pero tamén con elementos propios do PSdeG que iniciou unha fase de retroceso electoral en Galicia desde que perdeu o Goberno autonómico no 2009.

Naquel momento, non se optou por rexenerar o proxecto, por abordar o debate de ideas en profundidade e en clave de país, por incorporar a novos referentes políticos, e se optou por unha solución exprés, dirixida desde o aparato, que concentrou moito poder, pero que non acertou na folla de ruta para o socialismo galego. E transcorridos sete anos, as sucesivas citas electorais, e especialmente as recentes xerais, prenden una luz vermella para o Partido Socialista en Galicia.

Agora, cando se abre con urxencia un proceso de primarias para a elección do candidato socialista á presidencia da Xunta, a organización ten que elixir cal é o perfil político que mellor pode conectar co noso potencial electorado, recuperando aqueles votantes que, descontentos co Partido Socialista, deixaron de nos apoiar e tamén a aqueles mozos e mozas que se incorporan á participación política. A cidadanía pídenos cambios, e se cambiamos acertadamente o PSdeG será quen de liderar unha maioría de progreso que permita o cambio de Goberno en Galicia.