Falacias que me toman por parva

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

06 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O gasto de convocar eleccións por segunda vez é o peor que nos pode pasar (non son parva: o peor que nos pode pasar é pensar que a democracia é un gasto). Os cidadáns queren caras novas na política (non son parva: os cidadáns queremos simples políticos, non títeres irresponsábeis e preguiceiros apoltronados nas súas cadeiras). Hai que deixar entrar a xente nova na política (non son parva: a idiotez humana non está reñida coa idade). Os novos partidos representan unha política nova (non son parva: se fixesen unha política nova, non habería que repetir as eleccións e gastar nelas). O problema do nacionalismo galego é que está dividido (non son parva: en realidade nunca estivo verdadeiramente unido). A cidadanía galega quere partidos que se preocupen verdadeiramente por Galicia en Madrid (Non son parva: se os cidadáns quixesen iso non votarían como votan nas eleccións xerais nin nas autonómicas e municipais). O PSdeG está acabado (non son parva: xa estaba acabado cando moitos pensaban que estaba empezado). O PP está debilitado pola corrupción (non son parva: ao PP só o debilita o aumento dos tipos de interese, cando deixan de votalo os mesmos que botan as mans á cabeza porque os políticos son corruptos pero, en canto poden, relean o IVE das facturas ou non pagan a Seguridade Social da súa empregada de fogar). ¡É a gran oportunidade da esquerda verdadeira, reconstituída, futurible! (Non son parva: España é de charanga e pandeireta desde os anos 30, e Galicia é o que é desde tempos inmemoriais, a pesar da súa esquerda moralmente perfecta e politicamente superior que aspira a mudar o mundo sen contar co mundo). Aínda así, irei votar.