Buscando cabezas para as eleccións galegas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xuíces, profesores universitarios e investigadores parecen ser os perfís preferidos para as candidaturas á presidencia da Xunta que aínda quedan por decidir. Por fin, e no era sen tempo, os partidos que poden nutrir e liderar un Goberno alternativo ao PP empezan a facerse cargo da responsabilidade de buscar unha cabeza de candidatura para as vindeiras eleccións galegas. O PP e o BNG xa escolleron, pendentes da ratificación, a profesionais da política con experiencia recoñecida. De Ciudadanos non temos novas nin hai moita expectativa, pero alguén presentarán que pareza profesional e competente na súa profesión. No ámbito do PSOE todo parece estar claro. A disputa parece obvia entre o candidato do alcalde de Vigo e o candidato dos demais. Agás novidades, sempre negociables entre bambolinas, dous homes repetidamente citados parecen ser os máis que posibles candidatos se chega a haber primarias.

Contra o que poida parecer a quen observa a realidade con anteollos políticos e intereses ideolóxicos nesgados, o mundo das Mareas é o que ten máis candidatos potenciais, porque a fiestra de oportunidades políticas que se abriu no 2014 segue aberta. Sono dende logo os novos alcaldes, mesmo Yolanda Díaz e agora Carme Santos e, por suposto, o Beiras do 2012 segue sendo aínda un valor seguro e aglutinante. Pero o síntoma de que na Marea están pensando en afrontar a novidade e o futuro é que cada vez aparecen máis nomes e con máis vigor: xuíces e xuízas novas e prestixiadas, na lóxica de que a rexeneración da vida pública virá pola xustiza e aínda aparecerá mesmo algún fiscal e de certo que algunha avogada. Deixando voar a imaxinación e caendo nas especulacións que se farán ou se están a facer, no ámbito das Mareas caen agora non poucos candidatos e candidatas potenciais que sendo novos na política levan consigo unha recoñecida e prezada experiencia, algún ex-reitor ou reitor das universidades galegas, entre eles. Pero tamén algúns cargos intermedios de Gobernos pasados ou investigadoras universitarias de prestixio poden ter un papel que xogar. A situación está tan líquida que mesmo algún antigo alto cargo socialista, galeguista de pro, podería aparecer na rolda de potenciais candidatos. De seguro que as primarias serán por fin competidas e competitivas, facendo honor ao seu sentido. Dáse por sentado que as Mareas non perderán barcos e que aínda acudirán máis botes e lanchas á faena.

Con todas esas opcións abertas ou por abrir, o que parece máis claro é o perfil da candidatura á presidencia da Xunta polas Mareas, en coherencia coa ventá de posibilidades aberta. Alguén que sexa quen de representar o novo relato de maiorías fronte a minorías, cun perfil non elitista nin vangardista, capaz de entender a política como construción de sentido. Alguén cun discurso construído sobre a realidade e non baseado en males que nos acugulan, senón nas aspiracións de mellora que están entrefrevadas na maioría social. Por suposto, galeguista, e que lle dea sentido dende a radicalidade democrática ás aspiracións maioritarias de futuro que ten este país, sen pechalas nas vellas etiquetas da esquerda mitómana nin nun galeguismo falso que só fale en pasado.