En honor de Casto Sampedro

OPINIÓN

25 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

De certo que hai figuras que logran proxectarse sobre a cultura dun país de tal maneira que sen elas non se explicaría nin a cultura dese país nin, na súa entidade máis fonda, nin o propio país. Unha desas figuras, sen a menor dúbida, é Casto Sampedro: Pontevedra e Galicia débenlle tanto que aquí non podemos nin sinalar sequera. 

Pola cultura somos un pobo e non só un territorio, e a súa supervivencia é debida a algúns homes como Casto Sampedro que puxeron o seu mellor saber ao servizo do país, descubríndoo no seu pasado e no seu presente e patentizándoo en traballos e actuacións que posibilitaron o seu coñecemento pola sociedade.

Casto Sampedro fixo da súa casa unha pequena Atenas pola que pasaron as mentes máis lúcidas da nosas cultura e onde se iniciaron outros que o serían moi axiña, como o mesmo Filgueira Valverde. Por moi importantes e senlleiros que son os seus traballos arqueolóxicos, a fundación do museo pontevedrés, a Sociedade Arqueolóxica, as súas achegas sobre o estudo e coñecemento da música popular galega, non menos o son a súa  fe creadora e a ilusión que soubo levar aos seus  compañeiros e discípulos.

O seu despacho, onde tantas iniciativas, proxectos e ilusións soubo crear, pode ser un símbolo da forza creadora da fe, maiormente cando vén alimentada pola sabedoría, polo rigor da ciencia e pola xenerosidade de dala aos demais ?ao propio país. Poucos lle deron tanto a este como Casto Sampedro lle deu.

Por iso, dende aquí, xunto o meu afervoado entusiasmo ás iniciativas que se veñen sucedendo na prensa galega para que, no que foi o seu despacho pontevedrés, unha placa lembre a este home e o seu labor a prol deste país. É o mínimo que este pode facer para subliñar que a patria lle está agradecida.