O poeta e a fame


Non é unha cuestión de ideoloxías. Aínda que pareza o contrario, importa pouco o partido político dos catro deputados que se puxeron en folga de fame para chamaren a atención sobre o vergoñento acordo da UE con Turquía para deportar refuxiados sirios. Só hai unha cousa salientábel: cómpre posuír un río de sensibilidade na alma para ser quen de facer algo así. Hai que ser especial e crer, malia todo, na xustiza. Pero que Miguel Anxo Fernán Vello era especial xa o sabiamos quen o admiramos como poeta e quen asistimos marabilladas a esa crenza sen fin na Humanidade que o leva a meterse en leas e andainas políticas aquí e alá. Oxalá poña un pouco de poesía na Carreira de San Jerónimo, pensei cando o vin entre os elixidos. Parece un tópico cursi, pero ás veces vén ben certa cursilería deste tipo. Porque o que Fernán Vello colocou no hemiciclo, en fin, é quizais o máis importante da poesía, alén da exquisitez das formas e da curiosidade dos escritores que se meten a políticos: como bo literato, sabe que á poesía lle sae por fóra a sensibilidade cando se trata de enfrontarse á inxustiza, que a poesía impón virtude porque (xa o dicía Aristóteles) ten máis de pensamento ca doutra cousa. E velaí o está, o poeta pasando fame polos que vagan, polos que non teñen teito nin descanso, polos que procuran pan e auga, polos que carecen de todo e non piden máis ca debuxar unha liña descontinua alí onde as fronteiras ergueron murallas insondábeis. Podería ser a mensaxe dun evanxelista, pero non, eses ultimamente son pouco dados á fame. Non é máis ca un poeta que prefire non comer antes ca quedar calado ollando esta noxenta vergoña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

O poeta e a fame