A bonita historia do profesor de esquí


Pouco máis se sabe del: eslovaco, pasou de profesor de esquí a administrar empresas que o fixeron rico a el, a uns picapleitos e ao seu mellor alumno, Mario Conde. Roland Stanek podía ter feito un gran esquiador coma el rei Felipe VI ou Luis Bárcenas, pero as tornas viráronse e foi Mario Conde quen o converteu a el nun gran empresario; só lle dixo como estender a gomina por debaixo do gorro de esquiador, e como organizar para os cartos viaxes que nin o Imserso, tocando varios países ata acabaren nos seus petos sen que Facenda os ulise. É a historia dun selfmade man, ollen. Que linda. O esquiador que cumpriu o soño da miña xeración: que te tocase o rei Midas e te fixese coma el. A súa nai, en Eslovaquia, xa lle dicía todas as mañás cando lle esmagaba os bucles con cuspe: «Rolandiño, quen a boa árbore se arrima, boa sombra o acubilla», e el, tan maternal, lembrou ese consello o día que lle apareceu pola porta este Mario dos ares poderosos, este que se sabe irresistíbel e encantador de serpes e de profesores de esquí. «Esta é a miña sombra», pensou obviando que Conde acababa de saír do cárcere, e díxolle: «Fágase en min segundo a túa palabra».

Todo o mundo debería ter un esquiador ao que quitar de mestre para facelo feliz. E todos os esquiadores merecen ser Cincenta unha vez na vida. Pero só uns poucos, os máis guapos, os máis listos, logran cumprir ese soño polo que tantos estudaron Económicas nos noventa sen lograren fundar empresas en Londres e en Luxemburgo, nin reunir nos seus pazos a políticos, intelectuais e xornalistas fascinados polo segundo posto do ranking de morosos con Facenda. O segredo era facerse profesor de esquí, e deixarse levar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos

A bonita historia do profesor de esquí