Crecente empuxe neonazi

OPINIÓN

18 abr 2016 . Actualizado a las 11:33 h.

Podemos admitir que hai unha mestura de organizacións de filiación neonazi, ben se trate de «dereita extrema», de «extrema dereita» ou de «ultradereita» e que totalizan nada menos que 124 eurodeputados. Número que, ademais dos integrados noutras institucións de diferentes niveis de representación política e social, debera dar que pensar aos gobernantes europeos. Pero non parece ser ese o caso.

Estes grupos teñen individualidade propia e non sempre se entenden nin colaboran entre si, uns pode que demostren máis xenofobia que outros, ou que uns sexan máis antisemitas e outros menos, ou máis violentos uns que outros. Pero todos coinciden no noxo ao diferente, aos xudeus, aos gais, lesbianas, transexuais, mendigos, eivados, na negación do Holocausto e en diversos graos de violencia.

As causas son múltiples e non sempre é doado discernir cal prima sobre outra. Por exemplo, Alemaña é o país europeo no que os neonazis son máis numerosos e Portugal e España os que menos. Polo tanto, non parece que sexan económicas e sociais as causas determinantes do crecente neonazismo que temos en Europa.

Téñense sinalado, entre elas, causas sociais, como o afastamento da política por parte da mocidade, a situación de precariedade laboral de moita desta, ou, entre as culturais, o noxo ao diferente, ao que percibimos como o outro e non queremos que entre no noso mundo porque tememos que o deturpe.

Por aí habería que empezar, pois non semellan nada claras esas supostas causas. O que si é claro é que resulta manifesta a gravidade do caso, con peso xa nalgunhas institucións, polo que un pensa se os líderes europeos vivirán noutra galaxia. Porque estas cousas comezan e non se sabe como poden rematar. Case sempre de maneira insospeitada e cruel.