Volvendo ás malas maneiras

OPINIÓN

11 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño para min que un dos nosos problemas máis urxentes é a falta de maneiras, ou, se queremos temperar as cousas, as poucas maneiras que estamos demostrando, maiormente nas relacións políticas, nas que o máis cotián é o insulto, mesmo a aldraxe, e as maneiras máis de abouxo que de diálogo.

Autores que poderiamos definir como cidadáns do mundo (aínda que poucos, algúns hai), quéixanse en escritos ben coñecidos, tanto na prensa como no libro, do que non dubidan en definir como falta de educación, porque en xeral non se sabe dialogar e adoito se substitúe o diálogo esclarecedor polo berro que atorda, cando non polo insulto, pola aldraxe e as descualificacións. E certos medios, que poderían contribuír a educar á xente, rematan levándonos ás peores maneiras.

Podería traer aquí múltiples exemplos ilustrativos ao respecto, se ben, para quen queira ilustrarse sobre o tema -é un dicir- abóndalle con consultar, na rede ou fóra dela, os máis diversos adxectivos que merecen estas tres cuestións: nacionalismo (non o español, que ese nin se cuestiona), Podemos e terrorismo.

O malo é que a esa falta de maneiras teñen contribuído, e moi eficazmente, os supostos opinadores da televisión, expertos en berrar e non en opinar, que non saben nin poden, así como certa prensa sectaria e tamén algúns políticos. Como se tivesen esquecido por enteiro o vello principio «suaviter in modo, fortiter in re» (suave nas maneiras, forte nos contidos).

De varias formas estase contribuíndo á mala educación da sociedade, ben dende o mal exemplo, ben dando orixe ou establecendo actitudes que quedan e ás que a sociedade remata afacéndose.

Ou sexa, estamos dando lugar a unha mala política como o é axudar á mala educación contribuíndo ás malas maneiras.