Galicia, sen candidatos para facerse cargo do país

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

22 mar 2016 . Actualizado a las 11:18 h.

Dada a falta de candidatos a presidir a Xunta de Galicia a seis meses das eleccións, diríase que hai como unha mestura de temor e incapacidade para facerse cargo do país. O tacticismo, a confusión, a corrupción e o desprestixio da política tamén teñen moito que ver. A uns, como Gómez Besteiro, descartáronos actuacións xudiciais que xa teñen efectos políticos e mediáticos, ou ao revés, antes de rematar e de saberse se son verdadeiramente xustas; isto é: antes de que poidan corresponderse con verdades xudiciais definitivas. Unhas actuacións xudiciais que se non están marcadas polos tempos políticos, á vista está que si interseccionan oportunamente con eles.

Outros candidatos simplemente non dan aparecido. Tal é o caso da Marea, onde parece consolidarse o tactismo de que uns miren para os outros sen atrevérense a definir. Foi o que pasou nas últimas eleccións lexislativas e, en boa medida, nas municipais previas. Parece que está consolidándose o modelo de procurar a solución cunha canastra tripla no último segundo. Pero o que vale no baloncesto e para provocar sorpresas cun electorado disposto a rachar amarras cos grandes e vellos partidos non vai servir para gobernar un país. Xuraría.

Un caso exactamente contrario, aínda que moi emparentado coa Marea, é o do BNG, do que polo de agora o que se coñece son un bo feixe de candidatos descartados. A estas alturas o que sabemos é que Vence, despois de dirixir a organización os últimos tres anos, non será candidato; tampouco Aymerich, que ven de darse de baixa da organización na que foi case todo, por se alguén pensara -cousa improbable- en recuperar algún capital político acumulado, a nova voceira nacional xa se encargou de dicir que «Quintana fracasou». Se non hai sorpresas, o BNG presentará por primeira vez unha persoa da UPG como candidata á presidencia.

E logo está o PP. Aínda non ten opción definida, pero medio país parece ocupado en buscala pola vía de aloumiñar ao actual presidente da Xunta. En todo caso o PP, a diferenza dos tres anteriores, si pode permitirse o luxo de estar sen candidato, porque ten partido, substrato social e estrutura de sobra para facelo. Ademais está gobernando e conta cos resortes do poder. Pero o máis importante é que non necesita propor nada: só que vai seguir aí, ocupando o sitio como nestes últimos sete anos para que non estean outros que poden traer moitos males. Para convencer aos seus, polo de agora chegáballes con lembrar ao bipartito, a Zapatero e ultimamente meter medo con Podemos.

Pero todo muda moi axiña nestes tempos. A combinación de corrupción, crise e ineficacia, unida a calquera imprevisto ou a calquera escándalo ou situación inesperada pode ser decisiva para o futuro resultado electoral. Pero deixemos aos dirixentes dos partidos cos seus trelos. Esta impresión de que ninguén se quere facer cargo do país paréceme o síntoma dunha crise máis preocupante que a demográfica, a do naval ou a do leite. Unha crise de país ou unha crise de futuro.