Medo ao fracaso

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

13 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de universidades americanas veñen desenvolvendo cursos de especialización cara á xestión do fracaso. O fracaso como aprendizaxe: a experiencia do fracaso que, cando se reflexiona sobre as súas causas e a súa significación, e cando se comparte esa reflexión con outras persoas logo de vivilo en nós, non só constitúe un dos factores máis rexos na formación do carácter (no proceso da propia madurez, na nosa estabilidade emocional e intelectual) senón que se valora cada vez máis como elemento básico para a configuración de proxectos colectivos: empresas, organizacións políticas, proposicións de mercado, liñas de negocio? Unha realidade constatan todos: na sociedade fortemente competitiva que habitamos, nada asusta máis ao individuo que o fracaso. Cunha conclusión engadida: o medo ao fracaso paraliza. Lembro unha sentencia do meu pai cando con poucos anos inicieiins meus primeiros pasos na vida profesional en Madrid. Alá marchaba eu sen contrato, nin seguros, nin nada parecido a calquera forma de estabilidade. Tiña 22 anos, que non era pouco. Tamén moitas dúbidas, e moitas jnseguridades, como un pode imaxinar. Mais sentenciou o vello: «¿E logo como pensas que van ser as cousas, meu fillo? Tedes que afacervos á idea de que na vida non se pode ir sempre con paracaídas. Tedes que deprender a saltar». Nunca esquezo a sentencia do meu pai, sobre todo cando teño que lles falar aos meus alumnos e ás miñas alumnas, que rematan agora os seus estudos universitarios e, igual que nos sucedía daquela a nós, enfróntanse ao horizonte incerto das súas posibles futuras vidas profesionais. Hai que deprender a saltar. Non podemos pensar no paracaídas. Moito menos cando se teñen vinte anos. Hernán Cortés disque trazou unha raia na area da praia para marcar a fronteira do futuro, ao tempo que mandaba queimar as naves para que ninguen puidese volver atrás. Non hai marcha atrás. E isto serve para a experiencia individual e para experiencias colectivas. Tamén para o noso país, tan cheo de medos e de inseguridades. Andar a mirar seguido para atrás o único que produce é depresión e melancolía. Hai outro factor que condiciona ese necesario salto. A dimensión social do fracaso. Noutras palabras: o medo a que nos vexan fracasar. ¡Mira ese, que se cría! Hai un monton de xente, derrotada, que intenta consolarse ollando o fracaso dos demais; xente que nunca se atreveu a saltar e miden a propia derrota pola derrota dos outros. Para eses teño a sentencia de Eliot, o poeta: «Ao ser humano lle pertence o intento». E outra da que moito gustaba César Borgia: «E mais a Fortuna, que tan caprichosamente administran os deuses». Decisión e fortuna. Para chegar á Trabe de Ouro ha que arriscarse a bater coa Trabe de Alcatrán. Non hai empresa sen risco. O coñecemento facilita o camiño cara acadar o que nos propoñemos, individual e colectivamente, repito. Este país necesita, hoxe máis ca nunca, xente disposta a arriscar. O fracaso consiste en quedarse a mirar, e non intentalo.