Cadeira é substantivo feminino singular

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta semana do Día Internacional da Muller, seguramente alguén lembrou o manifesto O xogo das cadeiras que puxemos en marcha algunhas escritoras, artistas e intelectuais para visibilizar un feito evidente: a Real Academia Galega, coma o resto das Academias do mundo, pecaba de exceso de testosterona. Non é fácil tirar o perfume a Varón Dandy e ilo mudando por aromas máis neutros e modernos. Unisex, se cadra, que a fin de contas a intelixencia non debería coñecer fronteiras. Pero penso que para algo serviu aquel rebumbio, pois desde aquela asistimos a unha restitución da xustiza intelectual e poética que, paseniño, vai ofrecendo a mulleres a honra de posuír unha cadeira na Academia Galega. A última, Marilar Jiménez Aleixandre.

Permítanme que a chame un intre polo hipocorístico, que vén de cor, corazón: Marilar, que non só é unha científica intelixente e incansábel, unha feminista convencida e unha persoa informada e con sentido crítico, senón que é, ademais, unha escritora en terra allea que se converteu en galega por dereito literario, que é o mellor dos dereitos para quen cre profundamente en que desde as nosas ficcións podemos mudar o mundo. Marilar Aleixandre escribe utopías que se poden facer reais; mundos para a infancia e a mocidade que, como fixo o Neira Vilas a quen substituirá, explican mellor o que somos e o que queremos ser. E cando é poeta, demostra que na rúa Tabernas haberá aínda quen ordene os debates cun toque de necesario lirismo. A súa cadeira será verdadeiramente feminina e singular, aínda que todas a sintamos como propia.