Cando a tristeza pase a factura. Cando o billete do teu tren só chegue a ningunha parte. Cando «bos días» pareza un falso augurio e en cada sorriso só contemples os dentes pálidos da dor. Cando perdas de penalti e no último minuto e o árbitro comprado pite na túa contra unha e outra e outra vez. Levántate. Cando no exame final deixes todas as preguntas en branco. Cando non saibas peitear os rizos da perruca da vida e as noites, insomnes e brancas, se convirtan en territorio Everest. Cando os únicos ollos claros que mires sexan os dos gatos negros, solitarios, removendo entre as bolsas de lixo, uñas fusil navalla. Cando non saibas conxugar en presente de indicativo o verbo querer. Cando as bombonas de osíxeno (os amigos) xa non axuden a respirar. Levántate. Non resultará difícil que tomes un minuto agora. Refúxiate nalgún lugar contigo mesmo, só, soa. Regálate un abrazo. Olvídate de todas as actualidades. Coloca o stand by no radiocasete que non funciona. Saca o disco dos Stones que grita satisfaction. E canta o bolero dos días alegres: alma para conquistarte, corazón para quererte y vida para vivirla junto a ti. Non escoites declaracións solemnes. Regresa. Xoves. Le. Cando ser feliz resulte misión imposible e «Renacido» só sexa unha película que ti non podes ver. Cando vivas en estado de alerta e o teu diagnóstico, pronóstico reservado, consista nun encefalograma plano do desespero. Cando o corazón se dispare por non parar e en cada benvida pechen, no teu nariz, a última porta aberta. Cando ames sen ser amado. Cando non saibas escribir en maiúscula a palabra «soñar». Cando non poidas máis (?) Cando a tristeza pase factura. Levántate. E anda, Lázaro.