¡Presidente, presidente!

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

04 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquelas mulleres, cos rulos postos, estaban francamente preocupadas polas olleiras de Felipe González. «Moito me gusta ese home», dicían. Era o 86 e o presidente agarimaba o atractivo sen fin dalgúns homes que pasan dos corenta e gozan da erótica do poder. Alí estaban, falando de política no portal. Ulían a laca de unllas e ao perfume que os maridos lles mercaban por San Valentín. Arranxábanse para eles e estaban impecábeis cando chegaban. Un día, unha dixo: «¿Se Felipe nos morre, que vai ser de nós?». Despois houbo uns Reis nos que o agasallo obrigado foi o secador, e todo mudou. Chegaron os estilismos baratos e resistentes, ideais para estaren fabulosas agardando polo home. Foi así como a política esmoreceu, ao tempo que a democracia deixaba de ser os zapatos novos das nosas casas. Axiña, os GAL, os amaños e a decepción daquelas socialistas convencidas que namoraran de Felipe coma de Marcelo Mastroiani, e desnamoraron por exceso, coma nos seus longos matrimonios que, grazas a ese seu heroe doutrora, acabaron en divorcio.

Ás veces sinto nostalxia daquel socialismo sentimental. Os políticos eran auténticos mesmo cando se corromperon, e iso gustáballes ás mulleres. Non sei en que momento o poder se converteu en bempensante. Infantil. Con tipos que non teñen nin media labazada, nin pagan a pena da paixón das amas de casa. Aburridos e desesperados. Calquera das miñas veciñas podería espetarlles: «Vouche dicir eu como se goberna España».

Deberiamos deixarnos de secadores e volver aos rulos.