Suprimir as deputacións

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

26 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin parece que vai acontecer. Os tempos de mudanza teñen estas cousas. Unha vella arela do nacionalismo galego ven impulsada por unha nova dereita liberal e centralista como medida de aforro, eficacia e anticorrupción. Custaralle traballo aos partidos do sistema asumilo, pero non aos novos partidos, que carecen de intereses neses estaribeles; espazos de poder que, sequera de momento, teñen vetados e non son quen de controlar. É unha proba máis, por se non abondaran, de que estamos nun momento de grandes transformacións posibles e nalgúns casos ademais materializabeis. Paradoxalmente esta supresión podería arrebatar ao actual BNG o seu principal soporte institucional de poder. De suprimírense, empezaremos a crer de verdade que os tempos están mudando alén da falabaratura.

Por que eliminar as deputacións? Por que é contundente como medida anovadora e tanxible contra a corrupción e o gasto público ineficiente. Tamén por oportunidade política e de arquitectura institucional: as deputacións non están na Constitución e poden suprimirse sen reformala. A provincia está, si, e blindada; as deputacións, non. Curioso, pero di moito do que imaxinaban os lexisladores de 1978 cando definiron a autonomía para nacionalidades e rexións. Supuñan que estas substituirían a aquelas, cun afán transformador que axiña foi freado polo interese en acumular espazos de poder e de crear novas institucións sen liquidar as anteriores á que é tan afeccionado o sistema político-burocrático español dende o século XVIII.

As deputacións son niños de caciques crónicos no sistema político liberal español. Para nós os galegos dende os tempos en que Cabanillas collía nunha man a fouce e noutra man a oliva contra os caciques. A deputación servía e serve para controlar fondos e empregos públicos sen dar conta. En orixe foran ideadas polo liberalismo progresista como peza na construción dun poder descentralizado e entendidas como parlamentos provinciais, moito antes de que ninguén imaxinara a conversión en comunidades autónomas dos vellos reinos e algunhas agrupacións provinciais. Aquel liberalismo -que era moi xacobino- concibiunas para organizar e expresar politicamente aos novos municipios constitucionais electivos. A Constitución de Cádiz (art. 325) afirma: «En cada provincia haberá unha Deputación chamada provincial, para promover a súa prosperidade, presidida polo xefe superior». Un Goberno dos progresistas logrou implantalas por fin en 1836.

Os progresistas reivindicaron os municipios e deputacións na tensión contra o centralismo autoritario dos moderados ao longo do XIX; até que estes recoñeceron as súas vantaxes para controlar o territorio e estender o seu poder alén da Vila e Corte e independentemente do favor real. Pero as deputacións tamén son a proba das diferenzas históricas e constitutivas entre os diferentes territorios hispánicos que deixan de ser imperio sen convertérense nunca en nación. Por iso esta reforma non afectará nin ás deputacións forais nin aos cabidos insulares, que resistiron toda a singradura constitucional e tamén a ditatorial da España contemporánea. Se as deputacións son suprimidas teremos un primeiro test dun cambio institucional histórico. Pero non abondará.