Dúas historias e un país

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Que vaian ao cárcere por enaltecemento do terrorismo dous titiriteiros por pórlle a un boneco un cartel que di «Gora Alqa-Eta», mentres anda solto un besta que lle deu unha malleira a un homosexual nun supermercado, denota o mal que está a Xustiza. Que dubidemos do dereito á sátira e nos parezan máis perigosos uns monicreques ca o can sen bozal que levaba o agresor do súper, implica unha sociedade enferma. Que os políticos en funcións, opinadores bempensantes e espectadores se lanzasen a xustificar o encarceramento dos pobres teatreiros falando de protexer os nenos coma se fosen parvos, mentres que a xente presente do súper non evitou que un home fose agredido ata mandalo ao hospital, explica por que lles permitimos aos xuíces e fiscais esa impunidade pola que poden levar adiante unha estupidez e quedaren tan panchos. E que a homofobia neste país campe polas rúas ata o extremo de perseguir a parella homosexual ata o hospital, explica o único razoable de toda a historia dos monicreques terroristas: unha das medidas cautelares para a súa liberación foi a retirada do pasaporte. Efectivamente, dan ganas de liscar deste país e cruzar unha fronteira que nos salve de machistas, agresores, resaibados e politicuchos, xuíces en Babia e brutalláns.

Gay procede da palabra inglesa para alegre. ¡Que mágoa a contradición coa que o adxectivo explicita a condena de querer ser feliz e que os bárbaros sen cultura non te deixen! Porque neste país, só poden ser felices os que impoñen a lei do máis forte, chámense xuíces ou macarras de supermercado.