Cambiar de verdade

OPINIÓN

22 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No caso, difícil pero non imposible, de que teñamos en breve pactos de goberno, pode que tamén haxa maneiras novas de facer política. Hai boas razóns para pensar que haberá máis concordia, máis diálogo, máis exercicio político, ao cabo. Algo que se pareza á procura dun equilibrio de intereses, que niso consiste a verdadeira política, e non nunha cacería. Paréceme que o peor destes catro anos foi o gobernar en contra, tanto que moitas veces houbo máis persecución que actividade política propiamente dita, algo que emporcou a vida da nosa sociedade e que contribuíu, entre outras moitas causas, a que a xente sinta noxo da acción política, pois certos casos, aínda sendo singulares, a xente tómaos como algo xeral. É unha pequenez de espírito, que un desexaría fose arrombada para sempre, recorrer aos tribunais para que resolvan o que os políticos non saben facer. É ademais unha torpeza grande, tanto que leva ao descrédito dos políticos e ao dos tribunais: o dos primeiros por incapacidade e ao segundos porque esa non é a súa función. Non falar co discrepante, negarlle o saúdo, perseguilo, ameazalo, utilizar os tribunais para funcións que non lles son propias, mentir un día si e outro tamén, manter posicións arrogantes, non perseguir en forma a corrupción (ou ocultala ou protexela ou blindala), entre tantas outras situacións, orixinan un ambiente irrespirable e abafante. Chegar a pactos de goberno, e mantelos despois cada día, pode que sexa o mellor exercicio e un bo camiño para empezar a anovar o noxento ambiente político que hoxe respiramos e que nos abafa. Non estamos afeitos, pero xa aprenderemos: a experiencia conséguese experimentando. Por ese cambio si que devecemos moitos. Cambiemos de estilo e todo cambiará de verdade.