Mellor caladiño, Felipe

OPINIÓN

01 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo lles pasa aos antigos presidentes do Goberno para se consideraren lexitimados para dar leccións aos demais, para suxerir resolucións ou para dar consellos que ninguén lle pediu, maiormente Aznar e González. Zapatero móstrase máis prudente, ao parecer sen complexo, por agora, de pitia de Delfos. Suxerir, como González vén de facer, que o seu partido apoie a investidura de Rajoy -absterse é apoiar- supón dar por boas as políticas máis antisociais que se teñan executado neste país, as que provocaron maiores desigualdades, máis pobreza e máis desespero, políticas que van necesitar dalgúns anos e de non poucas dificultades para seren arrombadas. Pero non hai que esquecer que todo ten a súa lóxica: a dereitización de González é un feito claro, atendidos os tombos que foi dando dende a aceptación de solucións neoliberais na economía ata rematar en estrela das portas xiratorias. Por iso a moitos non nos estraña a súa recente proposta de suposta gobernabilidade. É máis, pensamos que ten moita coherencia. O que non sabemos, porque non alcanzamos a tanto, é que se pode facer con esa medida a prol do que realmente importa neste país: combater as desigualdades, crear emprego real, rexenerar a caixa das pensións, acabar coa corrupción, redistribuír mellor a riqueza, rescatar os dereitos que nos foron subtraídos, adaptar a Constitución aos novos tempos... ¿Pódese facer semellante tarefa apoiando a aqueles que nos levaron xusto a esa situación que urxe rectificar? Claro que González non o di. Supoño que incluso a el mesmo lle resulta difícil suxerilo, se é que o sabe. A el ou a calquera outro. Pois se ben é certo que o falar non ten cancelas, si que neste caso as esixencias da razón nolas reclaman. Nin máis nin menos.