A normalización lingüística e as dereitas galegas

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

25 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Por leigo que sexa un en materias de normalización, calquera sabe que normalizar un idioma nun determinado territorio non unilingüe equivale a crear as condicións para que ese idioma sexa normal en todos os usos e rexistros dos distintos estamentos sociais e en todos os ámbitos xeográficos e administrativos. Un idioma que non recupere unha gran parte deses espazos sociais e profesionais é un idioma de moi problemático futuro; de aí que o compromiso e o empeño dos pedagogos da causa idiomática consideren normal un acto de lingua cando, emítase onde se emita, non crea problemas de estimación no emisor nin de estimación e comprensión no receptor. Como estamos -e estaremos durante tempo- nunha sociedade de clases, o galego será un idioma normalizado, normal, cando un rexistrador de Pontevedra, sexa alcalde ou non do país, fale en galego con seus fillos e coa súa empregada do fogar e tamén, no casino ou na praza de touros, cos seus colegas de profesión; tamén será síntoma de normalidade que a condesa de Pazos Outos gabe ou critique o comportamento da súa empregada en galego e esta, no mesmo idioma, reivindique unha mellora do seu breve salario: síntoma, obviamente, de normalidade lingüística, non doutra cousa. Agora ben, cal é, hoxe por hoxe, en Galicia, o idioma habitual das condesas e dos rexistradores e doutros homes e mulleres inscribibles neste universo socioeconómico e cultural? De aí que os pedagogos da causa idiomática digan e repitan que estamos lonxe da normalidade, razón pola cal hai, en institutos, concellos, facultades, etcétera, comisións de normalización lingüística. Normalizadores e pedagogos saben moi ben que, hoxe por hoxe, en determinados sectores da dereita farturenta -ou, simplemente, acomodada- a praxe lingüística exercítase, dentro e fóra do fogar, en castelán, mesmo nos fogares onde os fillos, alumnos ou exalumnos dun instituto, leron e estudaron a Rosalía, Castelao e Celso Emilio, e moitos deles serían capaces de conversaren en galego enxebre, incluso con infinitivo conxugado.

Dentro da dereita -das dereitas, pois hai graos e matices- hai un sector, moi numeroso e poderoso, que é a dereita que se proclama católica, da Igrexa, esa institución que, no esencial, nunca se comprometeu, en serio, nin no agro, coa lingua dos fregueses (louvor para o heroico grupo de Encrucillada e afíns!).

Pois ben, nesa dereita, inscrita cordialmente no oficialismo eclesiástico, existe un grupo, o Opus Dei, que, desde hai un certo tempo, emite signos inequívocos de galeguismo lingüístico. En outubro do 2015, a editorial Follas Novas, de Santiago, publicou Conversacións con monseñor Escrivá de Balaguer (en tradución de Araceli Filgueira Iglesias), volume que recolle, ademais dunha homilía, sete entrevistas aparecidas en medios tan eficaces como Le Figaro (1966), The New York Times (1966) e L?Osservatore Romano. A propia Araceli Filgueira traducira, no 2013, nun galego moi coidado, magnífico, do mesmo autor, o Santo Rosario (tamén en Follas Novas).