A CEOE

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

16 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na cea celebrada unha noite do mes de xuño de 1977 nun restaurante madrileño, representantes de varias organizacións empresariais españolas decidiron fusionarse nunha nova institución co nome de Confederación Española de Organizaciones Empresariales. Días despois a CEOE adquiría personalidade xurídica e na asemblea constituinte, celebrada cabo de tres meses, 89 organizacións territoriais e sectoriais representaron a 900.000 empresarios, dos que o 31,9 % eran pequenos e medianos.

A CEOE nacía para fomentar e defender o sistema de iniciativa privada e economía libre de mercado, e representar os intereses dos empresarios ante a sociedade, a Administración e as organizacións de traballadores. O catalán Carlos Ferrer Salat, que fora campión de España de tenis, número un no equipo da Copa Davis e participara nos torneos de Wimbledon, Roland Garros e Conde de Godó, foi o primeiro presidente, e José María Cuevas o secretario.

Na CEOE nunca quixeron a Suárez, en quen vían o «esquerdismo falanxista», á esquerda do PSOE; e chegaron a acusar ao seu gabinete de «covardía moral» por ceder ás presións dos sindicatos e á oposición marxista. A relación persoal entre Ferrer Salat e o presidente Suárez foi tamén mala.