Sobre o grupo parlamentario galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

10 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando escribo este artigo ainda non sabemos como acabarán as cousas, pero os que hai algúns meses pediamos a unidade das forzas políticas galeguistas para presentar unha candidatura conxunta no Parlamento Español, con identidade de noso, faciámolo para dar unha voz parlamentaria especifica a Galicia, non para convertirnos en sucursais de ninguén. Por razóns que non vou comentar agora, o acordo total non foi posible: o BNG enrocou nas súas posicións e as Mareas configuráronse con bimbios dispares, moitos deles nacidos de escisións da corrente dominante do nacionalismo, mais tamén procedentes doutros ámbitos: movementos asemblearios do 15 M, xente moza que entraba por primeira vez na política, sindicalistas, sectores da esquerda, galeguistas sen afiliación, etc. Utilizo o termo «galeguismo» moi conscientemente. Tratábase de abrir o abano ao maior número de convocados, na medida en que se manifestasen a prol desa voz propia, nun período que, por moitas razóns que xa se están a evidenciar, ten moito de re-constitucional e que afectará, xa que logo, á consideración que Galicia, como suxeito político, poida ter nunha posible reconfiguración do Estado. En certa medida estamos case como no 78. Ou como en 1931, se queremos ollar máis cara a atrás. Daquela, cando as cortes constituintes da Segunda República, o galeguismo presentouse tamén en formacións distintas: algúns candidatos nas listas da ORGA (Organización Republicana Gallega Autonoma), que arrasou nas eleccións da provincia da Coruña, e outros en formacións máis pequenas, mesmo de carácter local ou provincial. A Federación Republicana Galega axiña de convertiu nunha referencia obrigada para a nova política que se anunciaba. Nas súas listas ían figuras tan notables como Casares Quiroga, Rodríguez Cadarso, Salvador de Madariaga, Emilio González López, Nóvoa Santos, etc., xunto con Antón Villar Ponte ou Suárez Picallo, estes últimos declarados decididamente galeguistas, no espirito das Irmandades da Fala (1916) que por outra banda inspiraba a primeira liña de traballo da organización. Ao mesmo tempo, polas provincias de Ourense e Pontevedra, en candidaturas distintas saíron elixidos Alfonso R. Castelao (galeguista independente) e Ramón Otero Pedrayo (Partido Nazonalista Republicán de Ourense), militantes tamén das devanditas Irmandades. A pouco de se constituiren as novas cortes, en agosto de 1931, un grupo deses deputados, presididos por Villar Ponte, reuníanse no restaurante La Bombilla da capital de España e proclamaban a súa independencia de pensamento, a súa identidade como «minoría galega», con dereito a participar como tal nos debates constitucionais, e unha liña inequívoca de actuación: autonomía para Galicia no maior abano de posibilidades que a nova República permitise; «queremos ser irmáns, non medio irmáns». Ben sei que non hai situacións idénticas, e que os tempos históricos nunca son os mesmos, mais diante de posibles (e previsibles) decisións adversas, os parlamentarios electos deberían ir pensando nun Plan B.