Os votantes nunca se equivocan

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

22 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Témolo escoitado moitas veces, pero despois dos resultados do domingo cómpre repetir esa verdade que é constitutiva do goberno do pobo. Negala supón aspirar ao goberno da aristocracia. Explicárono Aristóteles e moitos máis. Estamos nun intre de cambio e, polo tanto, de inestabilidade. Xaora! Non se pasa dun sistema de dous partidos estatais e cinco ou seis nacionalistas a outro como o que se debuxou nestas eleccións sen a incertidume histórica propia do cambio de estruturas. Como imaxinábamos que sería unha crise política que é consecuencia dunha crise económica e social? Pero non estamos nos anos trinta e temos unha sociedade formada na previsión dos males pasados. Da intelixencia dos partidos novos e vellos e das súas direccións dependerá a capacidade para gobernar doutra forma. Á vista da composición do Parlamento, gobernar será negociar, dialogar, persuadir e non só mandar, porque ademais do bipartidismo tamén está a morrer o cesarismo caudillista.

O futuro do sistema político e dos partidos que o compoñen pasa por entender os resultados do domingo, que non por máis anunciados son mellor comprendidos porque iso non pode verse só nos inquéritos. Dos tres partidos que dominaban o sistema político en Galicia o BNG foi quen levou a peor parte nesta mudanza que está a producirse. O seu devalo empezou coa forma de reaccionar á derrota das eleccións galegas do 2009: o motor do BNG arrepentiuse de gobernar até o punto de borrar os rastros do paso polo Goberno, á vez que tomou posicións para resistir fóra do Goberno. En Amio marcharon os que quixeron construír o nacionalismo dun xeito diferente ao da UPG e en tres anos demostraron que interpretaron moito mellor o presente e máis a crise. Despois destas eleccións non hai ningún nacionalismo máis lexítimo que outro, porque en democracia a lexitimidade non a dá o pasado, senón os votantes. O BNG perdeu o apoio da súa xente até extremos impensables. En concellos con alcaldes do BNG elixidos por cómodas maiorías hai só uns meses a Marea triplicou os resultados de Nós. Na cidade de Pontevedra cuadriplicounos.

A galerna foi alén e a Marea desaloxou ao PSOE da segunda posición, sendo amplamente sobardado en todos os seus feudos urbanos. Aínda así, a súa resistencia en escanos evidénciase no feito de que Galicia aporta tantos deputados socialistas como Madrid. Non pode aspirar xa o PSOE a ser a primeira forza dun futuro Goberno alternativo ao PP: non parece ter tempo nin recambios visibles para logralo. A carreira para gañar as eleccións galegas do ano que vén empezou onte de madrugada. A dereita está esgazada pola dúbida de se compite mellor con unha ou con dúas forzas, e non vai saber como aclaralo de aquí ás eleccións. Ciudadanos xa ten un deputado por Galicia e non parece que vaia irse para a casa despois do seu resultado nas cidades. O seu programa, que será algo así como «menos gallego y menos gaitas», abrirá oco no electorado cuns efectos que iremos vendo. Da Marea, destinada a ser a cabeza dun futuro Goberno galego, haberá moito que falar de aquí a aló.