Perdoen que, en plenas eleccións, o corpo me pida falar de xoguetes. Será que unha, aburrida por este xogo de nenos grandes no que predomina o macarrismo de recreo, bota en falta aquelas evasións infantís nas que as eleccións a delegado de clase eran a única democracia coñecida. Xa daquela gañaba sempre o máis caradura, o máis guapo ou o que máis caramelos repartía. Normalmente, o máis listo nin sequera se presentaba. E tampouco había candidatas. Foi daquela cando me afixen a que nunca gañaran os meus.
Naquel tempo en que presidir a clase era sinónimo de triunfo social, as nenas peiteabamos bonecas mentres os nenos xogaban ao fútbol. Os xoguetes tiñan sexo, igual cá nosa roupa e a nosa forma de falar e de movernos. E só o cuestionábamos cando nosoutras lograbamos coller unha pelota. Eles nunca xogaron ás bonecas connosco.
Onte volvín sentirme así, como cando era nena e a vida consistía en peitear bonecas e roubar balóns. Estaba nunha xoguetería na que había unha zona rosa para finas e delicadas nenas que xogan a coidar bebés e facer comidas, e unha zona azul para intrépidos rapaces que queren ser exploradores e superheroes. Volvín aos oito anos, en fin, cando me vin rodeada de hipocrisía. Por sorte volvín en min. Unha nena algo resabiada lía en alto a carta aos Reis. «Púxenlles aquí un disfraz de Batman, mamá», dixo toda chea de razón. E o seu irmán pequeno, xogando cuns cacharros, prometeunos a todos unha sopa para cear. Cando estes teñan idade de votar, ao mellor mudan o mundo.