Dous creadores de futuro

OPINIÓN

14 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Acertou o Consello da Cultura Galega organizando as xornadas que sobre Koldo Mitxelena e Ramón Piñeiro, se celebraron en Santiago a semana pasada con ocasión do centenario do seu nacemento. Será moi difícil atopar na historia do País Vasco e de Galicia dúas figuras tan senlleiras e de tanta influenza nos seus respectivos países.

Koldo Mitxelena e Ramón Piñeiro estiveron presos xuntos varios anos, xuntos amasaron unha amizade moi estreita e xuntos, cada un polo seu camiño, idearon e traballaron por un futuro dos dous países en momentos en que semellaba non haber futuro. Pero o futuro existe e sempre o hai cando homes como eles dous saben dexergalo, comprometer aos demais e abrir camiños que transitar. A correspondencia entre eles, agora publicada, ben o acredita.

E isto é o que, cada un no seu eido pero con semellante finalidade, fixeron estes dous xigantes da entrega aos demais, patriotas que o deron todo polos seus países e que, en circunstancias tan adversas, fixeron que a indiferenza se volvese ilusión, que a esperanza fose unha realidade, que o futuro se albiscase como posible.

Koldo, o sabio filólogo, é o unificador do vasco moderno, empresa xigantesca que só podería ter acometido un home da súa sabedoría, da súa fe e da súa capacidade de entrega ao país. Piñeiro, o home que recompuxo o galeguismo despois da desfeita da guerra civil. Os dous creadores de futuro para os seus países.

Un e outro foron tamén dous homes absolutamente comprometidos coas ideas de liberdade e democracia, e participaron activamente na vida política, actividade a de un e outro sempre presidida pola idea de asegurar o futuro. Os seus países, despois deles, penso que o teñen asegurado. O que xa non sei é se saberemos continuar á súa altura.