Industria, cultura, esperanza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

06 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Percorro as instalación da nova edición de Culturgal en Pontevedra, a cita anual das industrias galegas da cultura, e o que máis me chama atención, o que mais me interesa e ilusiona, sen desmerecer a ninguén, son os máis novos: ese pulo entusiasta de xente moza que, malia os tempos que corren, ben pouco favorables abofé, por máis ca o discurso oficial teime en querer vendernos outra cousa, malia os atrancos e as dificultades, digo, apostan polo país, polas súas capacidades e recursos, pola creatividade e pola renovación, que é apostar tamén por si mesmos e polo futuro. ¡Canto necesitamos dese futuro! Cando o venres entrei no recinto da vella xunqueira, que é como lle chamabamos de nenos a esta parte do mundo na outra beira do Lérez, por entremedias das autoridades batín cunha ringleira de cativos: roladas de rapaciños e rapaciñas collidos todos da man, de dous en dous, acompañados dos seus profesores e profesoras, que con ollos de abraio e de sorpresa entraban acaso por primeira vez no universo dos libros, as músicas, o teatro, os títeres, o audiovisual, os ilustradores, os traballos manuais, a papiroflexia, as cancións dos avós e as cancións novas do youtube e das consolas, historias narradas, escritas, relaboradas nas vellas palabras de nós, que seguen vivas (e que nos continúan). Recoñezo que a irrupción dos rapaciños, que se paraban aquí e acolá a querer velo e tocalo todo, actuou en min coma un chute de enerxía. E de esperanza. Parabéns á intelixencia dos país e dos profesores, que saben que están a sementar futuro. E logo púxenme a percorrer os expositores: arredor dun cento de ofertas, marcas e propostas moi diversas, instaladas nalgúns casos en pequenos espazos, decorados con recursos limitados, mais cheas todas de imaxinacion e de entusiasmo. Etimoloxicamente a palabra «entusiasmo», que procede do grego «enthousiasmós», vén dicir algo así como «posesión divina»: a forza dos deuses que por algún motivo ou nalgún momento entra en nós, simples mortais, e nos enleva, empuxa, arrebata a prol da causa que nos activa. ¡Canto necesitamos dese entusiasmo e canto entusiasmo habita nesas propostas novas, emprendedoras, que non se abaixan diante das dificultades! Así, na primeira visita, esta foi a miña impresión: hai unha xeración de renovación e recambio. A saída da crise, cando se produza, vai significar un cambio radical na formulación toda do sistema: cambio nos axentes e nos medios de produción, cambio nas tecnoloxías e nas linguaxes, cambio nos públicos e nas audiencias. Tamén nos modelos de negocio, nos mecanismos de relación, nos procedementos de comunicación, nas plataformas de acceso? Asistimos ao nacemento dun tempo novo que implica, irremediablemente, un arriscado e necesario salto xeracional. Falo da cultura (das industrias da cultura) e ben poderiamos falar do conxunto da sociedade toda. A pregunta é sempre a mesma: saber de que forzas ou enerxía dispoñemos para que esa mudanza non nos leve por diante. A festa do Culturgal é unha aposta pola esperanza.