Testosterona


Hai demasiada testosterona solta polo mundo. Pregúntome que sería de nós se en lugar da presenza testemuñal de Merkel como líder, houbese máis mulleres no taboleiro do Risk que semella o mundo. Imaxinen se os designios de Francia non se decidisen no baño dos homes do Elíseo, Hollande e Valls en urinarios contiguos. Imaxinen se ese perigoso exespía e cinturón negro de xudo chamado Vladimir Putin fixese un biscoito en lugar de andar medindo o tamaño dos misís con Abu Bakrr Al-Baghdadi.

Claro que o escenario é máis ben o oposto. Parece que as mulleres seguimos envexándolles os misís aos mandatarios, como diría Freud. Nós, que supostamente temos a virtude de construír os nosos liderados desde a temperanza e a empatía grazas a que, disque, nacemos provistas de hormonas que nos fan máis pacíficas, aquí nos atopamos hoxe imaxinando centos de corpos de nenos mortos baixo as bombas (xa se sabe, nin con estas nos liberamos do instinto maternal), e reprimindo unha inconfesábel alegría porque nos deu por crerlles a Hollande, Valls e Putin que calquera morto ao leste do meridiano 35 pode ser o seguinte Abu Bakrr.

A guerra é inevitábel porque se cociña alí onde o poder é masculino e cheo de traxes escuros e lembranzas infantís de xogos de indios e vaqueiros. Ademais, xa asumimos que ás mulleres nos reservarán o espazo privilexiado de sempre: a retagarda de sufrir para soterrar pais, fillos e maridos, para soster os países mentres eles disparan, para reinventar economías, e para conquistar da forma máis creativa as prazas onde os heroes non dan entrado. E perderemos outra vez a oportunidade de tomarmos nosoutras o poder, e evitar así a terceira guerra mundial.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos

Testosterona