Xosé Chao Rego, seguidor de Cristo

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro ÚLTIMA BRETAÑA

OPINIÓN

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao norte da cidade de Ferrol, nun outeiro desde o que se ve case toda a ría -e que no século XVIII chamara moito a atención, pola súa beleza, do padre Sarmiento-, hai unha minúscula capela que aínda conserva a súa fachada medieval, cunha pequena crus labrada na pedra. E á súa beira hai outra igrexa máis, unha igrexa nova, hoxe tristemente sen culto polo mal estado dos seus muros, que se comezou a construír nos anos cincuenta do pasado século, e que, a pesar do cruel que foi con ela o paso do tempo, tamén ten un lugar de honra na historia de Galicia, porque en momentos nos que se agardaba desesperadamente por unha liberdade que non daba chegado nunca, nela atoparon refuxio moitos dos perseguidos polo franquismo. Son as igrexas de Santa Mariña do Vilar. Para a memoria dun país enteiro, as igrexas de Pepe Chao, de Xosé Chao Rego.

Chao, que naceu en Vilalba no ano 1932, que foi alumno do Seminario de Mondoñedo e que, tras estudar en diferentes cidades, como Salamanca e Madrid, foi ordenado sacerdote en Roma en 1956, exerceu como párroco de Santa Mariña, nun barrio fondamente obreiro, entre os anos 1959 e 1976. Desde alí foi pioneiro na renovación da liturxia, converténdose nun dos primeiros sacerdotes que celebraron a misa de cara ao pobo de Deus, e non mirando ao nacente. E alí foi, sobre todo, onde empezou a brillar o seu insubornable compromiso con Galicia, coa cultura, coa liberdade e con todos cantos son vítimas da pobreza, da dor e da inxustiza.

É moito o que se podería dicir da fértil traxectoria de Chao Rego, do seu xeneroso paso polo mundo. Fixo unha teoloxía da que ninguén poderá negar que era, ante todo, un espazo de portas abertas para que se puidesen achegar á Igrexa xentes que xamais o terían feito doutra maneira. Escribiu libros sen os que probablemente non se podería entender hoxe quen somos nós, peregrinos neste tempo de ferro que nos tocou vivir. Pero Chao, sempre alérxico ás institucións, aos honores e a todo canto soase a poder, foi por riba de calquera outra cousa un cristián. Un galego seguidor daquel Xesús que morreu cravado a un madeiro pola redención do mundo. Por iso a min me gusta pensar que onde están as súas igrexas, en Santa Mariña -esquecíaseme dicir que ao lugar, polos seus campanarios, aínda lle chaman O Sino-, soará desde hoxe e para sempre, en memoria de Pepe Chao, unha campá, feita do vento do mar e da luz do Río Branco do Firmamento, que cantará, ante a eternidade, loanzas a Cristo.