Carta doutro «candidato marica» a Carlos Callón

Javier Lojo LIÑA ABERTA

OPINIÓN

27 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ben querido Carlos, ler as túas verbas escritas neste mesmo diario fíxome reflexionar. Eu, coma ti, tamén sentín non encaixar en moitos momentos por non ser un neno coma os outros, por ser marica como tamén me chamaban as malas linguas da rapazada. Esas linguas que tamén desfrutaban e se recreaban dicíndome gordo e unha restra de insultos que preferín esquecer. Nunca fun miudiño como mandan as modas ou a televisión, pero iso tampouco me importou.

Hoxe, coma ti, enfróntome con orgullo a todo o que vivín no pasado. Somos novos e comprometidos coa política: tamén me presento ás próximas eleccións. Os meus compañeiros elixíronme cabeza de lista de UPyD por Pontevedra. Aquel gordiño marica agora tamén pretende seguir coa defensa doutros gordiños e doutros maricas dende o Congreso, coma ti. O insulto fíxome forte, pero non todos poden dicir o mesmo.

Sepárannos pouco máis de dez anos, eu son máis novo, e estou seguro que os desprezos que viviches ti distan, por sorte, dos que vivín eu. Nestes dez anos, coido que algo mudou. Gustaríame pensar que esta sociedade avanzou, que medrou en sentido común e respecto á diversidade; gustaríame crer que pronto rematará o bullying e as malas miradas por ir collidos da man ou bicarse na parada do autobús.

Estes días fíxose viral un vídeo de tres rapazas pontevedresas dando unha brutal malleira a un rapaz. Non puiden esquecer estas imaxes e preocúpame esa violencia. Imaxino que a ti tamén. Pode ser que sexamos cada vez máis violentos? Máis insensibles? Realmente estamos a avanzar? Non sei que pensarás, eu non podo atopar resposta.Aínda queda moito que facer neste campo e alédame que ti e mais eu, que pertencemos a partidos con ideas moi distantes en concepto de Estado, esteamos xuntos na defensa das liberdades. Demostramos que a xente nova temos compromisos e queremos o cambio. Porque temos dereito a ser gordiños, maricas e positivamente distintos.