O candidato marica

Carlos Callón DE COTÍO

OPINIÓN

25 nov 2015 . Actualizado a las 09:53 h.

Teño sufrido moito por ser diferente. Por non encaixar no modelo de neno normativo, nin da nena normativa, por estar en terra de ninguén.

Por aceptar representar na obra de teatro do colexio o papel protagonista de prostituta, travestido con 9 anos. «Connosco non xogues, que isto é cousa de nenas»; «larga de aquí, marica, que estamos os homes». Fun invisíbel até case os 20. As primeiras décadas da miña vida paseinas sen ser eu. Cando optei por saír do armario non había na esfera pública referentes cunha sexualidade abertamente diferente, como moito para facer a graza ou para a crónica rosa.

Aínda así, que ninguén se quede cunha imaxe negativa. Loitei, como hai que loitar na vida, e logrei encontrar o camiño para ser un rapazolo alegre, antes, e agora un adulto tamén razoabelmente feliz. Loitei pola miña identidade, igual que loitei pola miña lingua, pola miña cultura, polos dereitos deste país e da súa xente.