Barbarie contra barbarie

OPINIÓN

23 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Estaremos a punto de que nos metan noutra aventura tan desavida como a invasión de Iraq? A carraxe guerreira do señor Hollande así nolo fai sospeitar, por máis que custe comprender que nada teñamos aprendido dende entón: Iraq, Afganistán, Libia (e Palestina, por suposto, orixe e causa de tanta barbarie).

O fanatismo primitivo do Estado Islámico non se combate con medidas represivas e/ou militares, nin con xestos propagandísticos de envío de material bélico a Siria. Son moitas as maneiras de poder combatelo, empezando pola eliminación das causas máis sinaladas que orixinaron a barbarie con que aquel fanatismo se manifesta, que, en resume, se concentran no abuso da explotación colonial dos países do Oriente Medio, na invasión, destrución ou apropiación das súas fontes de riqueza, na humillación dos palestinos, entre moitas máis.

Por iso, non ten razón ningunha o señor Hollande cando subliña a barbarie do EI, que é certa, pero cala a do mundo europeo, que é a súa causa e orixe, e tan indiscutible como a que critica. Ademais, non hai no seu discurso un só xesto que exprese o máis mínimo esforzo por fuxir dunha interpretación tan unilateral do problema.

Nin hai tampouco suxestións doutras medidas, eficaces e inmediatas, que se poden enfrontar ao Estado Islámico, como a eliminación do seu poder financeiro (non só con bombardeos se pode acadar), a decisiva guerra informática, a urxente mellora da información e da colaboración policial, entre algunhas outras.

Temos instrumentos de defensa máis eficaces ca a guerra, sen descartar esta se é legal. Pero, polo que se ve, eses instrumentos, políticos todos eles, non contan con homes que os saiban manexar. Ese, e non outro, é hoxe o problema de Europa e da súa insignificancia política no mundo.