Un Estado, un Exército, unha guerra

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Que cousa é a guerra? As redes de Al Qaida que non ocupaban un territorio e actuaban con grande autonomía eran cousa diferente de este Estado Islámico, que no marco da guerra civil siria optou hai dous anos por una forma más clásica de acción política e militar, combinada co ataque indiscriminado a poboacións civís como o que ven de sufrir París. Cun Exército ocupan un territorio e forman un Estado, declaran a guerra e atacan aos inimigos onde están. Que é a guerra senón? Somos pacifistas, na miña xeración fomos maioritariamente obxectores ao servizo militar e non poucos insubmisos. Como entender o que está pasando e como pensar nunha reposta colectiva dende esa experiencia? Témese con razón o escenario bélico e non querendo falar de guerra fálase de terror. O nome puxéronllo ao asunto precisamente os que levan facendo torpes guerras dende a invasión de Irak no 2003.

A isto que ven de facer o Estado Islámico en París e antes Al Qaida e outros grupos en Nairobi, Dar-Es-Salam, Nova York, Bagdad, Londres, Madrid ou Beirut, dificilmente imos poder seguir chamándolle terrorismo por máis tempo. Os Gobernos occidentais chamáronlle guerra contra o terror á forma de combatelos. Non vai máis. En verdade todo empezou en 1979 en Afganistán, un escenario marxinal da guerra fría, que medrou en importancia despois da invasión soviética para axudar a unha das faccións do Goberno comunista combatido por muyahidins apoiados por Estados Unidos. Como recorda Owen Jones en The Guardian, na longa guerra posterior alí naceron Al Qaida e o movemento talibán, mestura do wahabismo sunita saudí e tribalismo Pastum, todo regado con petrodólares e CIA. Así é na memoria dos vivos; historicamente o asunto ten longas fonduras e inercias que implican a creación do Estado de Israel sobre a mala conciencia europea, provocando o xa vello problema palestino, ou as vinculacións británicas coa monarquía saudí dende a grande guerra de hai 100 anos.

Naquela Primeira Guerra Mundial houbo moitos obxectores e desertores. Despois da Segunda o pacifismo converteuse nunha nova conciencia europea. Case non houbo obxectores na guerra contra o fascismo e co seu final en 1945 concibiuse a construción dun longo futuro estable. O mundo enteiro e a xente dos países contendentes quixo pasar do horror do Warfare State ao novo Welfare State. Cando as guerras da Iugoslavia o cordón sanitario funcionou porque fixeran os Gobernos o que fixeran, a cidadanía europea resistíase a volver pensar en clave bélica. Agora non podemos enganarnos, a guerra volve estar aquí porque tamén está aquí una nova ideoloxía totalitaria, agora cun fundamento relixioso. Impoñen a súa sharia, eliminan aos contrarios e aos indiferentes. Que foi o fascismo logo? As ideoloxías modernas mobilizadoras de masas desapareceron na vertente totalitaria na segunda metade do século XX. Hoxe semellan reapareceren como totalitarismos de signo relixioso. Os asesinos do Estado Islámico son tan musulmáns como os nazis eran socialistas. Tampouco se parecen entre eles. Ren de ren. Pero atácannos do mesmo xeito.