Terror, globalización, Europa

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

15 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia ensínanos que o terror como medio para amedrentar ás personas e sometelas pode darse nunha ampla variedade de formas: pode estar vencellado a tiranos e ditadores; a revolucións e contrarrevolucións impulsadas por grandes masas ou pequenas élites; a maiorías que o exercen contra unha minoría, ou a unha minoría que llo impón á maioría. Máis desde o punto de vista da reflexión política (recomendaba Hannah Arendt en Os homes e o terror) non debemos limitarnos a constatar o feito de que o terror foi utilizado con excesiva frecuencia ao longo da historia, senón a analizar as diferentes formas nas que se utiliza para someter á cidadanía; e facelo desde unha perspectiva que nos alonxe un pouco do que está demasiado preto, pero tamén que nos sitúe o suficientemente preto do que semella estar lonxe.

Alonxándonos un pouco do que está moi preto, a diferenza doutras formas de terrorismo que nos resultan desgrazadamente máis próximas pola nosa propia experiencia vital (sexa o totalitario ao que a propia Arendt adicou a súa brillantez analítica ou o vencellado cos autodenominados movementos de «liberación nacional») o terrorismo yihadista ao que nos enfrontamos presenta unha característica esencial: a ausencia de relación entre os obxectivos e as accións terroristas, dunha parte; e o ámbito territorial no que os Estados tradicionais exercen a súa soberanía, da outra. Como teñen sinalado algúns expertos (Loretta Napoleoni: Yihad. Cómo se financia el terrorismo en la nueva economía, 2004) estamos ante redes terroristas globais que operan á marxe das fronteiras; cunha dupla consecuencia: Por un lado, os terroristas yihadistas tiran proveito da caída das fronteiras e da ausencia de controis nos movementos transnacionais de persoas, de mercancías e de capitais, o que facilita o seu autofinanciamento en conexión con outras redes delictivas (como o tráfico de drogas); ou que, como estamos a comprobar unha vez máis, un rapaz residente nun suburbio de París poda pasearse pola cidade da luz cun kalashnikov.

Polo outro, o terrorismo yihadista utiliza como base operativa para a súa expansión aqueles territorios nos que de facto non existe un poder estatal que exerza o seu poder soberano: territorios incluidos nalgún Estado recén nado que aínda non desenvolveu a súa capacidade de exercer o monopolio da violencia (como na fronteira sur da extinta Unión Soviética); nalgún dos estados «fracasados» xurdidos polo baleiro do poder existente tras un conflito bélico (como en Siria ou Afganistán); ou mesmo nesas zonas escuras nas que o poder estatal é mínimo ou inexistente (como no Pakistán).

Se o terrorismo yihadista se beneficia da ausencia do poder estatal, o foco da atención debería virar sobre a coincidente circunstancia de que os países europeos son incapaces de propiciar a existencia dun Estado merecente de tal nome nos territorios que acubillan aos terroristas (como Siria), e ao tempo sexan tan ineficaces para avanzar na construción de estruturas de poder soberano (máis alá da moeda única) no entorno continental. O peche inmediato das fronteiras, tanto como os parisinos que antonte abandoaron o Estadio de Francia cantando a Marsellesa, dan novamente fe da incapacidade das nosas estruturas institucionais para dar resposta aos problemas básicos da nosa sociedade no mundo da globalización, con independencia de que sexan problemas económicos ou de seguridade nacional.

Máis Europa é o que precisamos; unha Europa federal que, construída sobre os valores compartidos do humanismo e da democracia, garanta os dereitos humanos, a seguridade e o benestar da cidadanía. Unha Europa á altura dunha sociedade que sinte hoxe París tan de preto, e tan lonxe as súas institucións europeas.

Pedro Puy é Portavoz do PP no Parlamento de Galicia.