¿Calidade educativa?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo aterrada a última ocorrencia deste ministro de Educación que precisa cubrirse dunha pouca desa gloria pringosa dos ministros do ramo. Despois da hiperactividade do nunca ben esquecido Wert, Marina insinuou que sería bonito vincular o salario dos profesores á avaliación dos centros. Ou sexa, que se vostede é mestre, probabelmente verá como esa burocracia kafkiana ideada por pedagogos de despacho tamén chamada «sistema de avaliación da calidade», non serve só para amolar, senón que será a escusa para baixarlle o soldo. Así que esa compañeira preguiceira, ese director despistado, ese pai histérico, ese grupo de aprendices de delincuente, desde agora, serán o motivo da súa pobreza ademais da causa do seu estrés.

Nos tempos nos que disque queren dar autoridade aos profesores, o ministro dá importancia ás enquisas de avaliación nas que o alumnado se desquita dos suspensos e os pais dos seus traumas. Nos tempos nos que queremos parecernos á panacea escandinava, o importante non é ensinar, senón rexistrar nun papel, preferentemente a ordenador, listas de actividades e cadros sinópticos que xamais reflectirán a maxia do proceso do saber, a miúdo probando ata dar coa fórmula que se axusta aquí si e alí non. Nos tempos nos que queremos educar en valores, transmitiremos a idea de que o profesor é alguén que vive con medo a ese día no que non seguiu a programación segundo a norma ISO tropecentos mil, que tamén se aplica ás empresas de aluminios.

Non sei por que os ministros de Educación nunca se pasan a si mesmos as cribas salariais en función da calidade que tan dados son a ofrecer aos demais. Igual é que saben como quedarían.