Solucións políticas e xurídicas

Pedro Puy
Pedro Puy LA DERIVA INDEPENDENTISTA

OPINIÓN

04 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Do meu mestre na universidade compostelá, Carlos Otero, aprendín (entre outras moitas cousas) cal é a diferenza esencial entre esas dúas realidades sociais ás que nos referimos como Política e Dereito. De acordo co meu mestre chantadino, a Política caracterízase pola súa función coordinadora; a súa natureza reflexiva; e a súa misión actuadora complementaria de todos os demais fenómenos sociais. O Dereito, en cambio, trata de preordenar as condutas humanas potencialmente interferentes; ou, o que é o mesmo, compatibilizar as liberdades individuais. En ocasións os fenómenos xurídicos reflicten que as accións potencialmente realizables polos individuos son compatibles; pero noutras moitas ocasións as accións que uns individuos emprenden contrarrestan ás de outros. O Dereito xurde, precisamente, para compatibilizar os intereses contrapostos cando as condutas dalgunhas persoas interfiren nas liberdades doutras.

Do meu mestre na universidade virxiniana, James Buchanan, aprendín (tamén entre outras moitas cousas), que unha Constitución democrática é unha superregra pactada entre os individuos que conforman un grupo social para estruturar o poder do Estado. Nela se fixan os límites do exercicio dese poder monopolístico mediante o recoñecemento de dereitos fundamentais e mediante o establecemento dos mecanismos polos que se poden adoptar colectivamente decisións no futuro. Incluídos, claro está, os mecanismos para a modificación desa supernorma que é a Constitución, e os procedementos para a resolución dos conflitos que poidan xurdir entre as persoas e os poderes públicos, ou entre estes (cando o poder se reparte funcional ou territorialmente). Por iso, porque fixa os límites da actuación dos poderes públicos así como os mecanismos para a adopción de decisións en períodos longos de tempo (e que van, en función da transcendencia das decisións colectivas, desde o referendo ás maiorías parlamentarias cualificadas ou simples, etcétera) así como para a resolución de conflitos institucionais (o Tribunal Constitucional), o meu mestre tennesiano aconsellaba que o pacto constitucional fose moi inclusivo (unánime, nun mundo ideal).

É lexítimo querer cambiar a Constitución democrática dun país que, como España, aprobou a súa libremente nun referendo e (por vez primeira na súa historia contemporánea) cun amplísimo apoio en todos os seus territorios, Cataluña incluída. Mesmo, como o propio Tribunal Constitucional ten recoñecido en diversas sentencias, é lexítimo plantexar as arelas de reforma constitucional, por moi drásticas que sexan, no ámbito parlamentario. Pero non o é intentar facelo sen respectar os mecanismos que a propia Constitución, como pacto político subscrito por esa inmensa maioría de cidadáns de todos os territorios, estableceu no seu día. Dificilmente pode atoparse unha solución política e semella imposible procurar un novo pacto político constitucional con quen non o quere nin sequera negociar, porque explicita o seu desexo de rachar co pacto político preexistente.

Porque é nese preciso instante, no que se decide ignorar o pacto político orixinario e incumprir unilateralmente o previsto na superregra constitucional, cando deixamos de estar diante dun fenómeno de natureza política, deses que procuran funcións coordinadoras, reflexivas e complementarias de todos os demais procesos sociais. O que estamos é diante dunha interferencia nas liberdades e nos dereitos que o existente pacto político constitucional protexe. E por iso é o momento no que o Dereito ten que actuar. O momento no que parece que, desgraciadamente, acabamos de entrar.