Traxedias e farsas, pasado e presente

OPINIÓN

30 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O asunto catalán tráenos de cabeza e lévanos á raíz. Non deixan de ter razón quen din que a democracia son normas, pero terán que engadir que tamén é capacidade de inclusión, persuasión, pluralismo e liberdade. Nunha aproximación historicista diriamos que a resposta castellana é o imperio da lei, ou ao revés, máis que a negociación. A resposta catalá -dinlle desafío- veu sendo negociar, transar e estirar. Entre non moverse uns e ir estirando outros, estirando chegaron a desfigurar unha proposta que non é goma nin gominola. Empezou co novo Estatuto, seguiu co pacto fiscal, logo co dereito a decidir, quíxose materializar nun referendo, chegou a unhas eleccións plebiscitarias e pasou agora a unha resolución express (que non declaración) que disque chegará nun mes. Co Goberno en funcións en Madrid, que perderá a súa actual maioría absolutísima, e a maioría parlamentaria en Barcelona que non é quen de formar Goberno, isto ten pouca traza. Chegar ao ridículo é cuestión de tempo. Se nun mes uns van dicir que declararán a independencia coa forma de República catalá e outros aplicarán o artigo 155 da Constitución para suspender a autonomía, que farían ao día seguinte uns e máis os outros? Como materializarían unha cousa e máis a outra, aquí e agora?

En El sueño del celta, Vargas Llosa narra toda a capacidade clandestina despregada polos británicos para destruír a un nacionalista irlandés aló por 1916. O Estado español de hoxe, como o británico daquela, ten un arsenal de medios, visibles e invisibles, estruturas e inframundos, para actuar. Os independentistas cataláns só teñen unha idea: o dereito a decidir, tan nova e inapelable como evidente en democracia; unha convicción: sós estaremos mellor; e varias crenzas identitarias máis fortes e aglutinantes que unha españolidade castelá e monárquica, aínda que a chamen constitucional. E teñen algo que non tiña Irlanda en 1916 nin Escocia en 2014: o 21 % do PIB do Estado. Londres non fixo no 2014 como fixera en 1916. O tempo non pasa en balde. Asombra a falta de realismo en todo o que vemos aquí e agora. O desprezo da realidade. A Historia en serio é outra cousa que esta posmodernidade da simulación constante, en expresión de Enric Juliana a conto desta moción presentada pola maioría do Parlament.

A traxedia de Companys-Franco (1934/1940) que antes fora negociación con Cambó-Maura (1921) e con Maciá-Azaña (1931) pode chegar axiña a converterse en farsa.

«Hegel di nalgures que todos os grandes feitos e personaxes da historia universal aparecen, coma se dixéramos, dúas veces. Esqueceulle engadir: unha vez como traxedia e a outra coma farsa... Luis Blanc por Robespierre, a Montaña de 1848 a 1851 pola Montaña de 1793 a 1795, o sobriño (Luis) polo tío (Napoleón)... Os homes fan a súa propia historia pero non a fan ao seu libre arbitrio, nas circunstancias elixidas por eles mesmos, senón baixo aquelas con que se atopan... que existen e lles foron legadas polo pasado. A tradición de todas as xeracións mortas oprime como un pesadelo o cerebro dos vivos». Deste texto do 18 de Brumario de Luís Bonaparte do mozo Marx de 1852, procede a repetida idea de que a primeira vez a Historia preséntase como traxedia e a segunda repítese como farsa. Na Historia non hai leis pero...