Autovía, programas e candidatura galega

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Por que hai quen reclama unha candidatura de obediencia e centro de decisión en Galicia? ¿Por que a tantos parece necesaria? Pode que para que non se sigan facendo fatadas como os 43 quilómetros da autovía Palas-Nadela. Ruinosa máis nada abrirse, porque non cumpre ningunha función estratéxica nin rectora e que mesmo ten difícil continuidade ata Santiago, que só se explica porque foi deseñada hai 20 anos, na época das vacas gordísimas, impulsada por un ministro do mesmiño Palas e continuada por un presidente do Goberno con señardades xuvenís por mor dun accidente nese tramo. Imposible máis localismo e romanticismo trasnoitado como fundamento dunha infraestrutura que custou milleiros.

Galicia non necesita esta autovía para vertebrar o territorio. Necesita cubrir con autovía os 55 km da 634 dende Lavacolla ata a A-6 no límite de provincia. Vigo, pulmón industrial do país e enlace co dinámico norte portugués, necesítaa para unirse coa Transcantábrica (A-9) cara a fronteira francesa, o mesmo que Santiago, como capital e centro neurálxico do país. Ollen un mapa e o entenderán. ¿Para que queremos outra vía rápida de lóxica radial que nin sequera remata en Lugo senón oito quilómetros ao suroeste en dirección Madrid? ¿Que lóxica económica, industrial ou política hai detrás? Só unha inercia ideolóxica do «radialismo» borbónico sumada á marulada localista. Despois cóntannos contos sobre eliminar fronteiras, pensar globalmente, conectarnos con Europa e non sei cantas lerias máis.

Precisamente porque estas lerias son as do tempo de hoxe deben ser pensadas e decididas coa lóxica de aquí arriba e non coa inercia ideolóxica de aló embaixo, precisamente por iso é necesario un grupo galego nas Cortes. Para que no aconteza o que Salvador Fernández Moreda denunciaba hai pouco: que en 25 anos de parlamentario nunca puido defender os estaleiros de Ferrol porque outros pesábanlle máis ao seu partido. Elemental, coñecido; hónrao que o diga neste momento.

A idea do grupo parlamentar galego precisa dunha candidatura e todo dunha proposta común e estratéxica anovada. Ten razón Domingos Sampedro ao escribir neste xornal que os esforzos a prol da candidatura de unidade centráronse nos grupos que se podían agrupar, ou non, nas persoas que podían participar, ou non, e case nada nos programas. Nestes meses a principal achega programática non procedeu de partido ou grupo algún senón da asociación cívica apartidaria Somos Nós. Nacionalismo e esquerda partidarios teñen en Galicia un déficit de programa, de concepción e de actualización de ideas que xaora circulan na sociedade, sobre todo polas capas mais novas, tan interesadas politicamente e dispostas a participar como afastadas da decisión política nos partidos. Algúns programas seguen sen actualizarse ao tempo do autogoberno e do mundo globalizado posterior á caída do muro de Berlín. Por iso os comportamentos dos partidos son tan coñecidos e reproducen o que veñen facendo dende 1975, como ben evocaba Víctor Freixanes tamén nestas páxinas. O activismo dominou sobre o pensamento e a reflexión na política destes grupos en Galicia, e nótase. Pensouse só en lingua e literatura e vai sendo hora de (re)pensar antes de actuar e de construír un novo discurso en troques de facer análises semánticos e de discurso.