Merecemos unha oportunidade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

25 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En xaneiro de 1979, arredor de 3000 persoas, asinamos un manifesto que titulamos daquela Para facer xuntos un país. Reunimos as sinaturas en tres días e, xunto coas sinaturas, o diñeiro necesario para pagar a inserción do texto íntegro na prensa como anuncio publicitario, ademais dos nomes e apelidos dos asinantes. Anda nas hemerotecas. A iniciativa xurdía despois dalgunha outra experiencia anterior na que non fora posible lograr estratexia de unidade ningunha para que Galicia, con voz autónoma e identidade de seu, puidese participar no debate que conformou a Constitución de 1978. Diante dunha nova convocatoria electoral (marzo de 1979), na perspectiva da elaboración dos Estatutos de Autonomía e coas municipais no horizonte, xunto coa frustración obxectiva que significaba ver vascos e cataláns con grupo parlamentario e voz propia no novo marco democrático, os asinantes intentaban reactivar a esperanza. Mais fracasou. Andabamos daquela enleados entre a reforma e a ruptura, as Bases Constitucionais e as propostas da PlataXunta, e a vida continuaba, a política avanzaba sen nós (nacionalistas e organizacións de esquerdas), o PSOE, que nalgún momento intentou pactos co PSG á maneira catalana, decidiu ao cabo seguir por libre, e a iniciativa quedou en nada. Ou non. En 1979 constituíuse Unidade Galega (POG, PSG e Partido Galeguista). O Bloque quedou fóra, non quixo entrar, seica tiña a súa propia estratexia. Unidade Galega logrou nas municipais dese ano unha porcentaxe de aceptación importante (6,35 % dos votos), cunha presenza significativa en varios concellos (Vigo, por exemplo) e mesmo a alcaldía na cidade da Coruña.

Non é o lugar para explicar por que non foi adiante esa fórmula. A autocrítica non é precisamente a nosa virtude. Uns por outros rompeu a plataforma, parte da cal se integraría despois en Coalición Galega (1983), outra oportunidade que non se soubo aproveitar. ¿Un andacio histórico? Non creo nos meigallos. Mais ben nas nosas limitacións, e na incapacidade para entendermos que a política non é unha relixión senón un cálculo de oportunidades, aquí e agora, para avanzar e consolidar posicións que, cando se perden, son moi difíciles de recuperar.

Algúns criamos que desta vez a fórmula era posible, se cadra porque maduráramos coa experiencia de todos estes anos, e porque as circunstancias volven ser certamente extraordinarias: actuar sobre a estrutura do Estado (e haberá que pensar tamén en Europa) nun momento en que, queirámolo que non, o debate constitucional volve estar aberto e Galicia pode ficar fóra do debate, superada a lexitimidade que no seu día lle daba o feito de ser considerada nacionalidade histórica cos antecedentes republicanos. Moi probablemente, sumando recursos, nesta ocasión parece que poden sair as contas. Sería unha mágoa volver bater nas mesmas pedras. Divididos estamos condenados (outra vez) á frustración e o fracaso.

Se isto se produce, alguén debería asumir responsabilidades, alén de botárense as culpas un aos outros, coma cando os galgos e os podencos da fábula.