Cataluña desde a Unión Europea

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

01 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo da campaña das eleccións catalás escoitáronse todo xeito de suposicións sobre o futuro dunha «rexión europea» (así vista desde a Comisión Europea, Goberno da Unión) no caso de se converter en Estado, inicialmente non adherido. Un dos máis insistentes malladores sobre o averno a que se lanzan os secesionistas cataláns é un galego que, como din en Bruxelas, non coñece a realidade en versión orixinal porque non entende o Eurenglish comunitario.

Con todo, ese señor ten asesores e na capital da UE hai moito diplomático español, da embaixada bilateral no Reino de Bélxica e da Reper (representación permanente de España ante a Unión); e máis conta con eurodeputados do PP que falan idiomas e toman cervexas con funcionarios da Comisión.

Na semana do 27S chovía tristemente en Bruxelas, o que convidaba a conversas de bar e taberna. Hóuboas infinitas sobre os problemas maiores da UE, seica o fluxo imparable de inmigrantes sirios e a fraude da Volkswagen. ¿E de Cataluña? Nada. So algún funcionario falaba de posibles dossieres nebulosos, pois a Unión non se deseñou prevendo secesións «rexionais» e carece de mecanismos para responder a elas. Ora, os officers -de distintas nacionalidades- están de acordo en algo: a UE nunca vai renunciar a «un país laborioso e democrático» coma Cataluña.