Sobre os refuxiados científicos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

13 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non é un rapaz. Saíu de Galicia hai vinte e cinco anos, propulsado polo seu magnífico currículo. Pasou por Inglaterra, Francia e Alemaña, sempre ascendendo na súa carreira profesional. Hoxe traballa á vista do Pacífico californiano nun campus famoso no mundo.

Investiga como funciona a fala humana. No seu saber conflúen a informática, a psicoloxía e a lingüística. Os seus compañeiros de aventura son tradutores, psicólogos e neuropsiquiatras. Xente de talento e carreira.

Pero el quere retornar ás praias atlánticas nas que pasou a súa nenez. «Os científicos galegos somos os que máis sufrimos, porque temos casa de aldea. A un de Madrid ou de Zaragoza non o mata a saudade».

Hoxe visita Galicia coma os indianos que, cansos das Américas, procuraban montar un negocio na Terriña.

A diferenza con eles é que un científico necesita vivir despreocupado polos cartos, seguro no posto de traballo; e capacitado para investir en aparellos, para escoller colaboradores, para facer o seu traballo o mellor posible.

¿Cantos queren retornar? «Milleiros, pero os políticos non o entenden: fan unha España de albaneis e camareiros».

E, no entanto, eses políticos rifan por acolleren refuxiados estranxeiros.

Sen dúbida a intención é boa mais «con todo isto esquecen que os científicos españois tamén somos refuxiados, porque nos expulsaron; e que ninguén ten máis dereito de acollida ca nós».

Claro coma a auga, H2O en termos científicos.