Seguimos sen entender o que vale un litro de leite

Xosé Antón Rodríguez FIRMA INVITADA

OPINIÓN

09 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 10 de decembro do 2009 escribía neste mesmo medio un artigo de opinión baixo o título «O valor dun litro de leite». O artigo empezaba coa frase: «Volven os tractores a tomar Santiago. Resulta moi difícil mirar para outro lado e pensar que as cousas se van arranxar por si soas». Case seis anos despois, os tractores volven a tomar Santiago (ademais de outras vilas e cidades galegas) e a situación do sector está peor que nunca.

Sigo dicindo que os problemas da produción de leite en Galicia teñen na miña opinión dúas causas orixinarias importantes: por unha parte, a forma en que se mide esta actividade e, por outra, a maneira en que se xestiona por parte das Administracións implicadas. En canto á primeira cuestión, hai que dicir que o valor dun litro de leite non se pode fixar exclusivamente nun mercado onde o poder dos axentes implicados é moi desigual, e sen crear os instrumentos para que a asignación do valor sexa eficiente. Por tanto, desde o punto de vista do que debería ser unha nova política agraria respectuosa co medio, que reequilibre o territorio e que xere produtos de calidade, a forma actual de fixación de prezos é un instrumento moi operativo para eliminar un sector que ten un gran potencial en Galicia (medio xeográfico, estrutura produtiva e un enorme capital humano).

Pero, entón cal é o valor dun litro de leite? Dende a óptica dunha xestión económica e social (integral), a medio e longo prazo do campo galego, na que se consideren outras variables adicionais ao propio sector (pero que tamén se ven influenciadas pola actividade do mesmo), o valor dun litro de leite debe ser como mínimo (sen contar as posibles marxes de beneficio lóxicas en calquera actividade económica) a suma dos custos totais de produción máis as externalidades positivas que xera. A idea é moi simple, a implantación de políticas para a fixación da poboación no rural, coas súas correspondentes consecuencias en canto a coidado do medio, loita contra incendios, reequilibrio do territorio, produción de alimentos de calidade... todo elo ten un valor. Pois a cada litro de leite producido correspóndelle una parte proporcional de dito valor, na medida en que a produción láctea é un instrumento de enorme relevancia na execución de ditas políticas. O valor desas externalidades debe formar parte do prezo final do litro de leite que se lle debe pagar ao gandeiro.

En canto á xestión político-económica desta actividade, e en xeral das actividades económicas no rural, por parte das Administracións implicadas, case sempre foi deficitaria (basta ver que en Galicia o rural está a morrer silenciosamente, como unha parte dunha sociedade que se vai desangrando demograficamente), dado que poucas veces, de forma operativa, se considerou esta actividade como prioritaria, como estratéxica, con un gran potencial, cun papel principal no desenvolvemento económico dunha Galicia que cada vez ten menos peso económico no contexto do Estado español e no ámbito internacional.

Que facer por tanto? Por parte das distintas Administracións, en primeiro lugar deben executar axudas inmediatas e urxentes ao sector para superar a difícil situación que están a pasar na actualidade as explotacións lácteas. Xa de inmediato, a Xunta de Galicia (como xestor público máis próximo da política agraria) ten que poñerse a traballar nunha rigorosa contabilidade socio-económica que recolla dun modo amplo o papel das actividades económicas no rural (en concreto o da actividade láctea), como un instrumento básico para articular e xustificar políticas que permitan unha fixación dun prezo xusto e real aos produtores, no cal se incorporen os beneficios, debidamente cuantificados, da actividade láctea no ámbito rural. Existen diversidade de medidas legais económico-fiscais (directas e indirectas) que poden facer posible o traslado das mencionadas externalidades positivas aos resultados económico-financeiros das explotacións.

Os gandeiros e organizacións agrarias deben actuar, deben unirse máis, deben presentar frontes comúns sólidos (buscando as estratexias de unión que sexan máis operativas nun mercado desigual). A información é un instrumento de enorme poder. O sector debe ofrecer datos obxectivos que non poidan ser rebatidos: ofrecer datos consistentes de que o valor dun litro de leite é moito máis que a suma dos custos de produción e unha mísera marxe de supervivencia. Por exemplo, os gandeiros saben moi ben que, nas súas zonas de produción, ademais de traballar e de crear riqueza, tamén están a protexer o medio (hai menos incendios como media), están executando indirectamente una política de prevención, ademais de xerar outros tipos de efectos positivos que xa se mencionaron. Esta diversidade de beneficios indirectos que aporta a actividade láctea son os que o sector tamén ten que resaltar para concienciar á sociedade en xeral e ás distintas Administracións en particular coa a finalidade de que se leven a cabo políticas máis xustas para estes gandeiros.

Este artigo remata como o de decembro do 2009: «Todos os cidadáns debemos apoiar ao sector lácteo galego, pois da forma de valorar un litro de leite pode depender unha parte importante do noso futuro».