Galicia de Buenos Aires

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

06 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na primavera do próximo ano 2016 (outono porteño) a Feira Internacional do Libro da Cidade de Buenos Aires (FILBA) estará dedicada a Santiago de Compostela. En edicións anteriores foron elixidas as cidades de Amsterdam, Sao Paulo e México DF. Segundo algúns rumores, o ano seguinte pode ser París. «Pensamos nas cidades como espazos simbólicos», coméntame Oche Califa, director da feira, «espazos abertos e, ao mesmo tempo tanxibles, coa súa correspondente historia detrás». Hai catro anos que se traballa neste proxecto.

Santiago de Compostela é Galicia, mais tamén Europa (na coñecida frase de Goethe segundo a cal a idea de Europa escomenza a desenvolverse nas peregrinacións a Compostela); e América, nesa enorme xeografía que leva o nome da cidade polo mundo: Santiago y León de Caracas, Santiago del Estero, Santiago de Chile, Santiago de Cuba? E a propia Arxentina. «Imposible entender a Arxentina sen os galegos», dicía Antonio Pérez Prado.

Santiago de Compostela simboliza a gran achega emigrante que constrúe a nación dende os días da independencia e mesmo dende antes. Despois dos italianos, que son a orixe de case o 40 por cento da poboación, están «os oriúndos de Galicia», que constitúen a primeira asociación no século XVIII, na Manzana de las Luces, a Asociación de Hijos de Santiago, concretamente.

Non hai taxi, panadería, almacén ou boliche que non leve algún apelido galego. Mais tamén oficinas bancarias, despachos de avogados, asesorías fiscais, departamentos universitarios, escribanías, restaurantes, hospitais, funcionarios dos ministerios, políticos do Goberno e da oposición? Aqueles que contra finais do século XIX e case que ata a metade do XX arribaron a estes pagos coa maleta da precariedade, moi poucos chegaron a ricos, mais crearon unha xeración de fillos e netos universitarios, con formación cualificada, profesionais que en moitos casos ocupan arestora postos relevantes na sociedade, na Administración pública, na empresa civil, nos medios de comunicación, nas aulas universitarias, e que, aínda que pouco teñen que ver coas condicións dos seus avós, conmove observar que non perderon a memoria. A memoria consciente e a memoria emocional.

A esa memoria apela a convocatoria da FILBA, a gran festa da cultura arxentina, escaparate internacional que mobiliza anualmente millón e medio de visitantes (todos pagando entrada), profesionais de 23 países, 1.500 empresas editoras, case que dous mil xornalistas acreditados en 45.000 metros cadrados de salas de exposicións, foros de debate, xornadas profesionais e oferta comercial. México DF mobilizou este ano 1.800 persoas e 60 escritores, con 200 metros cadrados de ocupación institucional. Falamos da lanzadeira cultural máis importante da América Latina, xunto con Guadalajara e Sao Paulo, que inclúe cine, artes plásticas, música e eventos de todo tipo non só no recinto da Rural (Palermo) senón na cidade enteira, onde as cifras oficiais censan máis de 300.000 galegos e descendentes de galegos. Unha nación dentro da nación.