Por un grupo parlamentario galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

30 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ou, dito doutro xeito, en palabras do vello galeguismo: Galicia como suxeito político. Sen intermediacións. Sen dependencias alleas. Non se trata de descualificar outras posicións. A sociedade galega, que é unha sociedade moderna, é unha sociedade plural, e as outras voces (ou representacións) son igual de lexítimas, mais nunca Galicia tivo a oportunidade de expresarse con voz autónoma, con personalidade de seu, en espazos tan significativos e relevantes coma o que nesta ocasión nos ocupa: a nosa representación no Parlamento de España.

Nunca tivemos esa oportunidade, sometidos demasiadas veces a estratexias e prioridades das organización políticas de ámbito estatal, que non sempre souberon entender o noso, e nunca tivemos, xa que logo, ocasión de facer valer, coa significación do voto, a nosa particularidade, que de ningún xeito debe entenderse como insolidaria, nin isolacionista, senón autónoma, simplemente, para poder dispoñer de voz propia no debate. Tal é a iniciativa civil que circula estes días polo país e que está a demandar das forzas políticas do galeguismo e o nacionalismo unha proposta integradora, intelixente e operativa. A ver se vai desta.

A ocasión é excepcional. Por máis que se diga, sen que formalmente as próximas Cortes teñan carácter constituinte, as circunstancias políticas anuncian un horizonte de moito calado que, queirámolo que non, nos afecta, e á marxe dos posicionamentos que os grandes partidos estatais poidan adoptar (posicionamentos que aínda ninguén concreta), Galicia, como suxeito político, vai verse afectada. Mesmo que Cataluña manteña a posición de integración na realidade política española, posición que eu desexo, a previsible correlación de forzas resultante vai abrir o debate constitucional, e sería moi frustrante quedar á marxe, ou en posicións subalternas.

Cando a Constitución de 1978, recoñeceuse a nosa condición de nacionalidade histórica pola lexitimidade que daquela nos confería o Estatuto plebiscitado en 1936, que nos situaba á par de Euskadi e Cataluña. Cando a redacción dos novos estatutos, nembargante, a piques estivemos de ficar fóra de xogo. Lembremos o pacto da LOAPA (entre o PSOE e a UCD) para reconducir as reivindicacións autonómicas, e a estratexia de utilizar o Estatuto galego coma teito constitucional para o novo modelo que se deseñaba, por debaixo dos cataláns e dos vascos. Daquela houbo que mobilizar todas as forzas civís da oposición (e unha parte importante do PSOE de Galicia) para impedir a rebaixa. Hoxe a realidade é distinta, pero non menos transcendente.

Galicia ten particularidades e necesidades propias, reivindicacións específicas que, nas prioridades inmediatas do Estado, non sempre son contempladas. En política (e en democracia), os votos definen as realidades, así como a forza para expresalas e, chegado o caso, defendelas. Cómpre entrar a discutir o Estado, e mesmo a Unión Europea no seu momento. Cómpre establecer e deseñar alianzas, pois non somos unha illa no mundo. Máis dende nós mesmos. Non é unha cuestión menor.