Estratexias de futuro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

23 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais dos anos noventa empezou a popularizarse o concepto de «industrias creativas» para definir ámbitos da nova economía nos que o compoñente artístico, simbólico e cultural actúa como valor engadido para configurar novos xeitos de explotación comercial de produtos que, mesmo procedendo en moitos casos da economía tradicional, presentan no mercado novas formas de negocio que están a crear, á súa vez, novas demandas, novas tendencias e afeccións. Unha botella de viño branco é unha botella de viño branco. Mais se acertamos no deseño industrial, nas estratexias de comunicación, no valor simbólico das marcas e, sobre todo, na potenciación do seu contexto cultural e histórico, a oferta transfórmase noutra cousa (a luz das Rías Baixas, o Camiño de Santiago, o viño de Sober e de Amandi que disque xa solicitaban os romanos). Unha pedra é sempre unha pedra. Pero o granito ou a lousa, ben traballada, ben deseñada, presentada de xeito atractivo nos circuítos da globalización, quintuplica a súa valoración (o prezo), na medida en que incorpora a identidade de marca (Galicia) sobre outros produtos similares.

O concepto (industrias creativas) xurdiu no mundo anglosaxón (Australia, Gran Bretaña) e instalouse no discurso da comunidade europea e a comunidade internacional como unha concepción mesmo máis ampla cá das industrias tradicionais (industrias culturais), incorporando conceptos novos coma o deseño industrial, o turismo, o patrimonio, a arquitectura, a gastronomía, etcétera. Penso en Galicia, cando falo de todo isto. Penso nas nosas posibilidades, que debemos explotar e, necesariamente, transformar (actualizar). ¿Canto diñeiro segue a deixar o Camiño de Santiago, por exemplo, alén dos seus compoñentes relixiosos e espirituais, con máis de mil anos de historia detrás? ¿E a paisaxe, os nosos museos, os nosos restos arqueolóxicos, a nosa cultura identitaria, mesmo a nosa lingua (como marca), que tamén son patrimonio?

Anda por aí unha web denunciando o abandono en que se atopa o noso patrimonio tradicional: cruceiros, castros, canastros, igrexas rurais, espazos naturais? Mesmo as nosas praias e as nosas paisaxes de montaña, a nosa calidade de vida, son tamén patrimonio colectivo. ¿Somos conscientes de que protexendo o noso medio ambiente, a limpeza dos ríos, os nosos bosques, as formas da nosa arquitectura popular estamos a contribuír ao desenvolvemento do valor engadido da nosa economía; e viceversa: que o seu abandono é tamén a nosa ruína? Cuestión de educación colectiva. De acordo. Mais tamén de información, planificación e investimento estratéxico.

O Camiño de Santiago, que recibiu un pulo impresionante nas últimas décadas, con recursos ben notables (¡nada que ver co disparate da Cidade da Cultura!) é un claro exemplo do que estou a expoñer. Mais tamén a gastronomía, a cultura, a organización do territorio, os produtos do mar, a lingua? Aspectos todos que dan razón de nós e que, na inmensidade uniformizadora da globalización, nos significan. Repito: información, planificación e investimentos.