A tormenta perfecta no leite

Francisco Sineiro García FIRMA INVITADA

OPINIÓN

18 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A tormenta perfecta é o termo reservado para as borrascas excepcionais e capaces de provocar danos moi cuantiosos; para reducilos é importante ser conscientes da súa verdadeira dimensión e tomar a tempo as medidas oportunas para enfrontarse a ela e reducir os seus efectos.

No sector lácteo galego pódese estar a desenvolver unha tormenta perfecta ante a que os Gobernos (Xunta e Ministerio) non están recoñecendo a súa gravidade nin están a tomar polo momento as medidas necesarias. Nin é bo minimizar o problema, reducíndoo a unha situación xeral de baixos prezos do leite similar á existente noutros países europeos, nin por suposto non tomar as medidas necesarias, utilizando só pequenos parches e atrasando outras de máis calado coa escusa de ter que recibir antes a autorización das autoridades da competencia e a aprobación da Comisión Europea. Francia non o fixo así.

Podemos estar ante unha tormenta perfecta porque ao problema xeral dun período de baixos prezos e de axuste á nova situación posterior ás cotas que compartimos con outros países, se engaden outros específicos nuns casos xerais ao conxunto de España e noutros propios de Galicia, que deberían ter quedado resoltos antes de que se eliminase a protección achegada polo réxime de cotas. Entre os primeiros están o uso abusivo do leite como produto reclamo por parte da distribución ao colocar as súas marcas brancas a prezos que están por debaixo do custo de adquisición e envasado do leite segundo os propios datos do observatorio de prezos do Ministerio de Agricultura, que destrúe así a marxe industrial e forza á baixa o prezo pagado aos gandeiros. Esta estratexia, que beneficia en exclusiva á distribución, atraendo clientes aos seus establecementos, non resulta nun menor prezo da cesta de compra dos consumidores, porque o menor prezo do leite se contrarresta cos máis elevados na compra doutros produtos e sobre todo rebenta as marxes da industria e a economía dos gandeiros. Os efectos desta estratexia, que afecta directamente ao 45 % do leite, quedan reflectidos en dous datos globais: a forte redución rexistrada nos resultados da industria láctea e o menor prezo pagado aos gandeiros, que foi un 7 % inferior á media europea nos últimos catro anos. Un segundo factor é o fracaso na aplicación das novas medidas para lograr un maior equilibrio nas relacións entre gandeiros e industrias por medio da negociación de prezos nas que as novas organizacións de produtores deberían desempeñar un papel clave; a industria resístese a aceptar este novo marco e en parte pode ter razón ao non ser incluídas as empresas de distribución no proceso de negociación e duración dos contratos.

A gravidade da tormenta é aínda maior en Galicia ao engadirse ademais outros problemas específicos, como son a debilidade da nosa industria láctea, moi dependente no leite envasado e no procesado de máis dun terzo da recollida fóra de Galicia, que resulta nuns menores prezos do leite; e tamén a limitada base territorial das explotacións, que limita a súa autonomía forraxeira e aumenta os seus custos de produción.

A tormenta leva xa varios meses afectando ao sector sen que se establecesen as medidas de choque necesarias polas Administracións e sen chegar a acordos cos gandeiros, industria e distribución para establecer e ir desenvolvendo un plan de medidas estratéxicas que permitan consolidar o seu futuro. Non enfrontarse á verdadeira raíz dos problemas pendentes pode ocasionar efectos severos sobre un sector que é a columna vertebral da agricultura e da economía de numerosas comarcas rurais, tal como o reclaman as manifestacións destas últimas semanas.