Unidade na marea ou no campo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cara ás vindeiras eleccións xerais, todos os novos axentes e actores políticos, o nacionalismo e EU, están a moverse en Galicia definindo posibles alternativas electorais aos partidos do bipartidismo. Seguirán a moverse ate que Rajoy convoque as eleccións, discutindo como presentarse aos comicios nunha candidatura de unidade. Pero a estas alturas debúxanse dous escenarios de unidade ben diferentes. Unha unidade en torno ás mareas ou unha unidade nos campos políticos clásicos: a esquerda e/ou o nacionalismo. Sobre isto xira e xirará todo o asunto. Unha chamada marea galega, que agrupe aos novos actores e axentes políticos e sociais protagonistas dos recentes éxitos nas municipais, xunto aos partidos da esquerda e do nacionalismo. Ou unha unidade no campo político. Pero campos hai dous e están ben definidos: o da esquerda e o do nacionalismo, separados dende a transición e o tardofranquismo na lideira das disputas dos seus respectivos partidos de vangarda, UPG-PCG.

A unidade no campo daría inevitable protagonismo ás definicións estratéxicas dos campos políticos do pasado e conduciría previsiblemente a unir un dos dous: ou ben o da esquerda na liña que construíron Anova e EU en AGE, ou ben o do nacionalismo con Cerna, CxG e BNG. O resultado serían varias candidaturas de unidade pelexando por non quedar fóra do Congreso, un previsible fracaso e unha grande decepción posterior. O comportamento do electorado é novo nunha parte, noutra imprevisible e ademais dificilmente interpretable polas sondaxes, pois xa non está inscrito no pasado. No comportamento dos partidos, en cambio, a dependencia da traxectoria terá aínda un enorme peso. Non cabe moita dúbida de que o electorado mobilízase a prol de candidaturas novas en ideas, en persoas e sobre todo en limpeza contra a corrupción.

A unidade na marea só parece ter un modelo reproducible para unha candidatura galega: o modelo coruñés. Dificilmente aceptable polos partidos é o modelo que case todos os novos actores propugnan. Non houbo un modelo de mareas senón case tantos como candidaturas. Na Marea da Coruña a multiplicidade de actores políticos anulou o peso e as esixencias dos cinco ou seis partidos que a integraron. En Compostela Aberta e Ferrol en Común houbo menos axentes e un maior peso de dúas forzas principais, que foron Anova e EU, respectivamente. Fóra da Coruña hai casos como o de Lugo, onde EU non se integrou en Lugo Novo ou Vigo onde EU protagonizou a única marea que entrou no concello. E aínda o de Ourense, onde as boas perspectivas das novas candidaturas foron minguadas a conciencia en todas as súas versións, incluída a posible novidade de Ciudadanos no campo da dereita.

E logo está a nova icona Podemos, que definiu un estado de situación, unha semántica, mesmo un estado de ánimo social e político e un modelo de nova intervención social na política pero non exactamente un instrumento. Niso están os seus líderes. En Galicia as forzas novas e as vellas debátense entre lograr unha candidatura galega que decida no Congreso e no Senado ou pelexar por obter algún deputado.